Esta vez foi o MIHL, o Museo Interactivo da Historia de Lugo, o que sufriu un corte no subministro eléctrico. É a segunda vez que un edificio municipal queda sen luz en menos dun mes despois de que en decembro Endesa deixase sen electricidade ás piscinas de Frigsa. Neste caso foi a mesma comercializadora a que suspendeu o servizo no museo ás 10 da mañá, que non foi restablecido ata catro horas despois cun grupo electróxeno, tal e como informan dende o Concello.
A falta de electricidade obrigou a manter o museo pechado durante toda a mañá, mentres o goberno local confirma que pola tarde abriu ás 17 h. Do mesmo xeito, o grupo de goberno agarda poder normalizar o subministro coa nova comercializadora nas vindeiras horas, xa que o Concello ten tramitado dende principios deste mes o contrato con outra compañía, Gas Natural, para abastecer estas instalación.
Así, o grupo de goberno estuda emprender accións xudiciais contra Endesa, coa que rescindirá os máis de 200 contratos que mantén coa empresa ao tempo que “esixiremos responsabilidades pola súa actuación”, afirma a edil de Economía Ana Prieto. Tamén lembra que a administración tivo devolver a Endesa entre 2013 e 2015 un total de 1.685 facturas, por importe de 1,1 millóns de euros debido a varios tipos de deficiencias, o que pon de relevo “a extraordinaria importancia de comprobar unha por unha as facturas”, engadiu a concelleira, que considera “intolerable” o comportamento da eléctrica Endesa.
Prieto lembra que a empresa “fixo chegar a súa ameaza ao Concello tan só unhas horas antes de cumprila, sen indicar polo menos a partir de que data ía proceder á interrupción e sen darnos nin sequera a oportunidade mínima de alegar”.