Persoal e investimentos, as “liñas vermellas” da oposición nos orzamentos do Concello de 89,9 millóns

O foro escollido polo goberno local para dar a coñecer o seu borrador dos orzamentos deste ano foi motivo de polémica antes incluso que o propio contido. A alcaldesa, Lara Méndez presentaba o documento á oposición na Xunta de Voceiros, e non na Comisión Especial de Contas, algo que sorprendeu a PP e ACE-EU. Outra das decepcións dos grupos foi a falta de información detallada sobre as contas para poder avalialas en profundidade.

Uns orzamentos que a edil de Economía, Ana Prieto, se encargou de avanzar aos medios de comunicación, destacando unha “ambiciosa dotación de fondos propios para lanzar un novo plan de emprego” cun investimento de 1,5 millóns de euros. Do mesmo xeito a concelleira informou do importe total do presuposto, de 89,9 millóns, dos cales o 21% “vai destinado a políticas sociais e á creación de emprego”.

Prieto fixo constantes referencias aos grupos da oposición, lembrando que o goberno local avanzara o groso do borrador a aqueles grupos que facilitaran a súa investidura (Lugonovo e BNG), xa que “son os que poden ter un proxecto máis afín, á nosa proposta de orzamentos”, a pesar de que hoxe, nas súas valoracións amosáronse críticos, especialmente na xestión e o gasto de persoal municipal previsto.

A edil engadiu que no actual executivo local “dialogamos e negociamos pero por riba de todo gobernamos”, lembrando tamén que os orzamentos non están pechados, de forma que “o goberno continúa aberto e sensible ao resto de achegas que formalicen os grupos da corporación”, aos que a edil pediu “altura de miras, seriedade e responsabilidade” á hora de realizar as propostas.

“Peores que Orozco”

Con 8 concelleiros dos 25 que ten a corporación, e con 5 grupos formando oposición, o goberno local vai precisar algo máis que diálogo para sacar adiante as contas, e máis atendendo ás opinións dos membros da corporación. O voceiro popular, Jaime Castiñeira xa manifestou que “a proposta do goberno é a contraria á que fariamos calquera de nós para as nosas casas: reduce os investimentos e continúa a dispararse o gasto improdutivo”. Castiñeira matiza ademais que as contas son “peores que as que presentou López Orozco nos seus 16 anos”.

Persoal

Pola súa banda o grupo Lugonovo facía fincapé na “dificultade de valorar uns presupostos sen concreción e sen partidas”, aseguraba o voceiro, Santiago Fernández Rocha, pero ao mesmo tempo lamentou que “en función dos orzamentos vemos que non está prevista a remunicipalización de servizos” aínda que recoñece que “segue habendo unha importante partida para políticas sociais e emprego”.

Na mesma liña opinaba o voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, que considera que o borrador amosa un “desmantelamento dos servizos públicos” e lembra que xa no programa co que concorreran ás eleccións apostaban por “avanzar na municipalización e reforzar os servizos do concello”, ao tempo que é prudente “á espera de ver o documento completo xa que non puidemos ver máis que o esquema, sen anexos de investimentos nin de subvencións nominativas”.

Tamén para a voceira de Cidadáns, Olga Louzao, é “fundamental o capítulo de persoal, que é a nai de todas as partidas, polo que non vai funcionar nada se non temos unha previsión clara e concisa”, ao tempo que lembra que “tal e como dixemos sempre, non vai haber un non polo non”.

Orzamentos participativos

O voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe foi moi crítico co procedemento que segue o Concello para poñer en marcha os orzamentos participativos, xa que para el na práctica son só “consultivos ou decorativos”, e denuncia que non garanten a participación real dos veciños. Por iso Portomeñe asegura que o primeiro é “cambiar o regulamento de participación cidadá e a continuación iniciar un proceso aberto aos barrios, que implique tamén a técnicos do Concello e permita de verdade aos veciños e veciñas decidir as partidas fundamentais para o seu barrio”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com