Segundo Cidadáns, “a comezos de decembro instalouse na Praza Horta de Seminario unha pista de xeo. Ante os comentarios xeneralizados e a falta de información proporcionada pola Concellería de Cultura, tentamos en decembro obter a documentación necesaria para constatar que todo se fixo de forma adecuada e legal. O día 10 de decembro solicitamos por rexistro a documentación pertinente e, finalmente, o pasado venres día 22 de xaneiro, tivemos acceso ao expediente administrativo”. Asemade o partido liderado en Lugo por Olga Louzao di que a policía local “denunciou á empresa instaladora ante a inexistencia da perceptiva licenza para ocupación de vía pública ao solicitarlla in situ”
Ante estas e outras circunstancias encol da instalación da devandita pista de xeo, Cidadáns saca en consecuencia que “a instalación da pista de xeo na Praza Horta do Seminario realizouse mediante un procedemento infestado de irregularidades, sen tramitación de expediente para ocupación de vía pública e autorización motivada, non se fixo liquidación de taxas, e permitiuse que unha empresa privada explote o chan público cobrando a entrada que ela fixa e facendo negocio co dominio público de todos os lucenses”.
Ante todas estas vicisitudes Cidadáns considera como “única responsable de todo isto á Concelleira de Cultura, Carmen Basadre que, a xuízo do grupo municipal Cidadáns, debe asumir a responsabilidade política deste despropósito, que supón saltarse os procedementos administrativos e, en definitiva, a legalidade. Procedemento e legalidade que se lle esixe a calquera cidadán”.