PP e Martínez forzan a construción da residencia e centro de día de Becerreá

A oposición na Deputación volveu tomar as rendas do pleno, deixando escasa marxe de manobra ao goberno provincial. Un pleno no que unha vez máis se escenificou a tirante relación entre o bipartito e Manuel Martínez, que hoxe pediu unha aclaración ao secretario sobre a súa denominación. “A orde do día debe estar mal redactada” dixo, ao ser mencionado como deputado non adscrito, “cando debería poñer deputado tránsfuga”, ironizou, ao tempo que deixaba caer unha indirecta sobre a súa expulsión cautelar do PSOE. “Cheguei aquí por decisións doutros”, asegurou.

Unha sesión na que a particular confluencia de intereses do grupo popular e Martínez permitiu aprobar a moción do deputado non adscrito para a construción da residencia e centro de día en Becerreá. Un proxecto que, se se cumpre o acordo do pleno, o goberno provincial terá que incluír nos orzamentos de 2016, que é precisamente a única “liña vermella” de Martínez para aprobar as contas.

O voceiro do grupo socialista, Álvaro Santos aseguraba que “a Deputación está disposta a apoiar esta iniciativa pero seguimos sen saber se a Xunta está disposta a aportar”, engadindo que lle parece “desmedido cargar todo sobre a Deputación”, e máis lembrando que o propio Martínez lle solicitara esta obra ao goberno galego en diversas ocasións. O voceiro nacionalista, Antonio Veiga preguntábase “onde está o problema en instar á Xunta” e defendeu que unha cooperación Deputación-Xunta sería “o punto inicial para o entendemento”.

Mentres Mari Teijeiro, deputada popular, facía referencia ao pleno de Suplusa, organismo dependente da Deputación, no que se aprobou a contratación da obra “por maioría”, ao tempo que solicitou que se cumpran os acordos.

Durante o debate o deputado non adscrito e alcalde de Becerreá revelou que “dúas persoas do grupo socialista ou máis, cando trataban de comprarme (…) non tiñan problema en facer a residencia, todo o contrario” aclarando que lle ofreceran sacar adiante a obra.

Bombeiros

O grupo de goberno levou ao pleno unha proposta para instaurar un modelo de xestión directa dos consorcios de bombeiros, así como outras medidas, como a creación do corpo de bombeiros de Galicia ou a aprobación dun regulamento do bombeiro profesional. Todos os grupos e tamén o deputado non adscrito coincidiron en recoñecer a importante labor deste corpo de emerxencias e os seus integrantes e desexarlles unha pronta recuperación aos dous bombeiros feridos nun accidente cando atendían un incendio no Saviñao.

O socialista Álvaro Santos asegurou que os propios bombeiros reclaman “a homoxeneización dos seus dereitos e deberes como profesionais do servizo público” e defendeu que isto só se consegue co modelo de xestión directa que propoñen que, ademais, “a priori todo o mundo presume, incluso a mesa intersindical de bombeiros, que ten unha xestión máis barata”.

Unha proposta que topou coa oposición do grupo popular. A voceira, Elena Candia, cargou contra o presidente, Darío Campos, xa que segundo lembrou, a posibilidade dun cambio de modelo fora debatido nunha xuntanza mantida hai dúas semanas entre os presidente das catro deputacións galegas e o conselleiro de vicepresidencia, Alfonso Rueda. Candia explicou que nesa reunión os cinco representantes se deron un prazo dun mes para estudar a xestión directa e a súa viabilidade “algo no que parece que vostede estaba de acordo e que se aprobou por unanimidade” polo que agora, con esta moción, “pretende, como mínimo, faltar á lealdade institucional”.

Martínez saíu en defensa da postura dos populares, coincidindo no argumentario. “Se hai un prazo hai que respectalo. Eu vou apelar á responsabilidade e á seriedade. O que di o PP é razoable”. Así, os populares e o deputado non adscrito sumaron votos para tombar a iniciativa do grupo de goberno.

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com