Desactivado o “fotorrojo” da Ronda por “prudencia”

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, confirmou hoxe en declaracións aos medios de comunicación que o dispositivo de control do semáforo da Ronda da Muralla, á altura do cruce coa rúa Montevideo, non está funcionando. O Concello desactivou o sistema “por prudencia”. Unha medida adoptada “hai uns días” segundo a rexedora, que explica ademais que “no momento no que nos chega a sentenza o servizo de sancións da Policía local emitiu un informe que derivamos aos servizos xurídicos para que estude a situación legal” dese dispositivo. Refírese Méndez a unha sentenza do Tribunal Supremo que anulou unha sanción imposta con este mesmo sistema.

En canto á polémica xerada no mercado de Frigsa, onde os vendedores están protestando polos controis da Policía Local e a prohibición de manter os seus vehículos de traballo no interior do recinto, a rexedora explicou que este corpo municipal “ten que facer o seu traballo, hai unhas ordenanzas que así o contemplan e teremos que avanzar na conciliación entre o exercicio da venda ambulante coa normativa existente”. A rexedora non descarta unha “modificación da normativa” que habería que abordar “con naturalidade e normalidade”.

Médez matiza que a Policía Local está actuando “con responsabilidade, en base a unhas denuncias de veciños pola dificultade para transitar” sen esquecer que “teñen que actuar, controlar e velar pola seguridade dos viandantes”. A alcaldesa engade que non pode “haber unhas normativas e que a propia administración as incumpra”. Esta mesma tarde membros do goberno local se reunían con representantes dos vendedores para “tentar chegar a acordos”.

En canto aos temas abordados hoxe na Xunta de Goberno, o Concello aprobou os trámites necesarios para avanzar na execución subsidiaria das obras de urbanización no polígono 2 Sector SUB-B da Louzaneta-As Areeiras. A Comisión de Goberno tamén deu luz verde a un convenio de colaboración coa Deputación de Lugo para executar a construción dun alpendre de madeira e delimitar as zonas verdes da Carballeira de Nadela, cun orzamento de algo máis de 48.000 euros que financiará o Goberno Provincial.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com