Darío Campos: “Non podemos dar o espectáculo que estamos dando”

O presidente da Deputación, Darío Campos, fixo unha valoración do pleno celebrado onte asegurando que “non podemos dar o espectáculo que estamos dando”, en clara alusión aos momentos de tensión vividos na sesión, na que se escoitaron insultos e palabras malsoantes.

Un dos episodios estivo protagonizado polo deputado non adscrito, Manuel Martínez, expulsado cautelarmente do grupo socialista, que dixo que o goberno provincial “vai coma unha vaca sen cencerro”. Hoxe Campos devólvelle a metáfora: “Eu creo que o que hai é un touro desbocado”. Pero máis alá dos cualificativos, o presidente do ente provincial asegurou que “eu estou para facer política, para apoiar aos concellos e non para estas historias”.

“Estase vendo a responsabilidade que ten cada un”, engadiu en referencia á actitude de Martínez na sesión, que “deixa moito que desexar”, e lembra que “falamos de alguén que leva moito tempo (na corporación) e que está contradicindo o que dixo non hai tanto tempo”. Campos recoñeceu que “tiven moi boa relación con el (Martínez) e defendino a morte”, pero pídelle coherencia, xa que “non se pode opinar hoxe unha cousa e mañá outra”.

En canto aos orzamentos, o presidente provincial dixo que vai tentar sacalos adiante por ser “responsables e xenerosos cos concellos” pero “non podemos permitir que nos impoñan cousas que pode que non sexan ilegais, pero si motivadas polo desbocamento dunha persoa”. É consciente de que “teremos que chegar a acordos, presentaremos os orzamentos e os aprobarán ou non. Cada un terá a súa responsabilidade”.

Besteiro

Campos tamén se posicionou sobre as declaracións da tenente alcalde de Ferrol, a socialista Beatriz Sestayo, que insinuaba que o secretario xeral do partido, José Ramón Gómez Besteiro, debía dimitir. Para o alcalde da Pontenova o primeiro é a presunción de inocencia, e despois reclama axilidade á Xustiza, engadindo que “José Manuel ten dereito a defenderse coma un cidadán normal”, ao tempo que defendeu ao seu predecesor. “Para min é o candidato ideal. El vai ter a suficiente responsabilidade e se segue imputado non creo que se presente”.

Neste sentido tamén a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez apostou por Gómez Besteiro. “Absolutamente non á dimisión”, e explicaba que “é o primeiro secretario xeral elixido por todos os militantes dos noso partido, e está totalmente lexitimado para seguir ao fronte da secretaría xeral”. Méndez defendeu que Besteiro “está actuando con moita responsabilidade e respecto, e en base ao mandato que lle dixemos todos e cada un dos militantes” polo que “pedir a dimisión esta fora de lugar completamente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com