A proposta do BNG-Asembleas Abertas de estudar a viabilidade das cooperativas en substitución das grandes compañías eléctricas para subministrar de enerxía ao Concello conseguiu o apoio dos 25 concelleiros da corporación. O voceiro nacionalista, Rubén Arroxo, comezou a súa intervención ensinando fotografías dos ex ministros Ángel Acebes e Elena Salgado ou do ex presidente Felipe González. “Son as claras portas xiratorias saídas a raíz da xestión do sistema eléctrico español” asegurou.
Arroxo lamentou “que en Galicia haxa pobreza enerxética” xa que “é como que en Galicia se pase sede, porque aquí se algo nos sobra precisamente é enerxía, o problema é que está en mans dunha oligarquía”. O voceiro contrapuxo as compañías tradicionais coas cooperativas, “unha alternativa na que apostan por sistemas de produción baseados nas enerxías renovables e por uns beneficios dedicados a investigación e aos bonos sociais”. E puxo o exemplo do Concello de Rianxo, onde xa se está iniciando este modelo cooperativo.
Carlos Portomeñe, voceiro de ACE-EU, compartía a visión dos nacionalistas. “A enerxía é de todos, pero nos últimos anos vimos sufrindo as prácticas nefastas das compañías eléctricas”, un problema derivado, aos seu xuízo, “das políticas privatizadoras de PP e PSOE”. Sen esquecer a cuestión das portas xiratorias, criticando que o Concello vaia cancelar os contratos eléctricos con Endesa, “casualmente a empresa de Aznar” para inicialos con Gas Natural, “de Felipe González”.
O problema do persoal municipal
Potomeñe amosouse partidario das cooperativas e incluso de “explorar todas as opcións”, mencionando que en Barcelona se fala de crear unha compañía eléctrica pública, aínda que recoñe que “non quere dicir que esta fórmula sexa viable para unha cidade como Lugo”. Sen embargo, o voceiro de ACE-EU tamén responsabilizou ao Concello dos cortes de luz, causados polas “necesidades de persoal para revisar as facturas”.
Tamén o grupo municipal de Cidadáns recoñeceu que “o das portas xiratorias é un mal endémico do Goberno estatal”, e denunciou que o servizo electromecánico do Concello “é ineficaz”, e un problema asociado “a unha mala organización do persoal, unido á pasividade do goberno”. En canto á proposta dos nacionalistas, a voceira Olga Louzao asegurou que é unha “boa suxestión” pero que aínda xera “moitas dúbidas” á hora de poder contratar coas cooperativas “sen vulnerar a lei de contratos do sector público” e lembrando que pode resultarlles moi difícil acceder a estes contratos “porque se lles esixen avais e fianzas” de contías moi elevadas.
Iñaqui García, edil de Lugonovo tamén fixo mención ao “capitalismo de amiguetes” en alusión á entrada de cargos públicos en grandes compañías ao remate da súa carreira política. Un grupo que xa manifestara hai tempo a súa aposta polas cooperativas. “Urxe cambiar o actual modelo, baseado nos combustibles fósiles, por outro 100% renovable, sostible e cunha compoñente social, que teña en conta ás persoas e as súas circunstancias”, defendeu García.
Mentres, a edil socialista Ana Prieto explicou os motivos polos que se están producindo os cortes de electricidade. “Está levando tempo comprobar as facturas”, asegura, ao tempo que denuncia que as compañías “ingresan as facturas no sistema sen os datos obrigatorios, algo que dificulta e atasca a tarefa de comprobación”. Prieto tamén considera que os cortes de subministro realizados sen previo aviso ou cunha escasa marxe son “un feito gravísimo e intolerable”. Aínda así a única mención da edil de Economía á proposta de estudo do BNG foi para manifestar o apio do gobernó, pero matizando que sempre que se faga “amparado na legalidade vixente”.
Pola súa banda o edil popular, Antonio Ameijide dirixiu todas as súas críticas cara o executivo local. “Non se equivoquen, aquí o único culpable de que se corte a luz non é a compañía eléctrica, e non serei eu quen defenda ás eléctricas, pero este goberno non capaz de comprobar e de pagar en tempo as facturas, e tampouco se encarga de xestionar o persoal”. Ameijide lembra que o “desmantelamento do servizo electromecánico é unha vella denuncia do PP”. O edil do popular amosou a disposición do seu grupo a apoiar esta iniciativa. “Sempre que se cumpra a lei pódese ter en conta ás cooperativas”, matizou.