O bipartito fala de “pactos escuros” nas filas da oposición

O deputado provincial socialista, Álvaro Santos, posicionouse hoxe de forma contundente sobre a situación política da Deputación. Durante a rolda de prensa para dar conta dos asuntos abordados na Xunta de Goberno, Santos dixo desconfiar de “pactos escuros” entre o grupo provincial popular e o deputado non adscrito, Manuel Martínez, para bloquear a aprobación dos orzamentos.

Para o voceiro socialista unha mostra das manobras do PP para evitar que as contas saian adiante é a renuncia da deputada popular, Mari Teijeiro, ao posto de directora xeral de Inserción Social da Xunta, para o que fora nomeada no mes de novembro pero do que aínda non tomara posesión. “Por fin sabemos por que non tomara posesión, porque Mari Teijeiro estaba chamada a unha encomenda do seu partido para evitar que o goberno aprobase os orzamentos para os veciños de toda a provincia”, expresou Santos. Unha “vontade”, a de tratar de impedir a aprobación dos orzamentos “que nos parece nefasta e asquerosa” por parte do PP.

De todos os xeitos, Álvaro Santos matiza que o PP tampouco ten maioría na corporación , nin sequera contando con Teijeiro. “Os populares non o bloquean [o orzamento] nin con 11 nin con 12, pero entendo que suman un máis que saben que contan con el” e critica que o PP está “exhibindo que ten capacidade para bloquear polo que ten que haber algún acordo, pacto ou chanchullo”. Ese deputado número 13 sería Martínez, que sumado aos 12 dos populares conformarían unha maioría no pleno.

Preguntado por se o posible pacto de PP cun deputado máis ten que ver co non adscrito, Santos ironizou: “Digo eu, dos do PSOE non desconfío a día de hoxe, e do socio de goberno tampouco”. Por se acaso, Xosé Ferreiro, deputado nacionalista aclarou que “no BNG non somos sospeitosos de facer unha operación de transfuguismo”.

Ultimatum

En canto ao prazo límite posto polo grupo provincial popular para que o bipartito inclúa as súas propostas nos orzamentos e que rematou hoxe ás dúas da tarde, Santos asegurou que “con ultimatums non se pode chegar a acordos” e lamenta que a “liña vermella” do PP sexa o tempo, e que esa premura lle viña marcada pola necesidade de incorporara a unha persoa na Dirección Xeral”, mentres “as liñas vermellas do goberno están en investimentos, emprego, benestar social e infraestruturas”.

Mentres, o voceiro nacionalista quixo destacar que o PP non fixo ningunha crítica “descualificando os orzamentos”, que son “coherentes incluso co que o PP pediría” e lembra que as demandas do grupo de Elena Candia “son cuestións que xa se aumentaron con respecto ao ano pasado, como é o caso do Servizo de Axuda no Fogar ou o Plan de Obras e Servizos, pero eles solicitan que se aumenten máis”. E rematou asegurando que a filosofía dos orzamentos “é defendible e asumible por calquera organización política con sentido común”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com