O Concello pretende impulsar 88 proxectos empresariais en dous anos

A alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, presentou esta mañá unha iniciativa de fomento do emprendemento a través da cal 260 lucenses poderán beneficiarse dunha serie de servizos de apoio, asesoramento e seguimento gratuítos para sacar adiante a súa idea empresarial buscando a súa viabilidade técnica e financeira. Será a través do programa Inicia Coworking en Lugo, que contará coa colaboración da Escola de Organización Industrial (EOI), dependente do Ministerio de Industria.

Unha entidade que achegará 640.000 euros (o 80% do total), mentres o Concello financiará o 20% restante con fondos propios ata acadar os 800.000 euros de orzamento. O programa desenvolverase en dous anos, neste 2016 e no 2017. Abriranse catro convocatorias, dúas por ano, cunha duración de 5 meses cada unha, e cun máximo por convocatoria de 22 proxectos desenvolvidos, nos que poderán participar entre unha e tres persoas. Deste xeito, “impulsaremos polo menos 88 proxectos empresariais”, explicou a rexedora.

O obxectivo, engadiu, “é reter en Lugo o talento dos lucenses, captando e impulsando proxectos innovadores vinculados aos xacementos de emprego da nosa cidade, como poden ser os servizos sociais, o turismo, a xestión cultural, o medio ambiente ou as novas tecnoloxías”, engadiu Méndez. A alcaldesa tamén puxo en relevo o lugar escollido para levar a cabo o programa, o Centro de Empresas e Innovación, o CEI-Nodus, “que xa vimos reforzando por exemplo coa recente implantación por primeira vez en Lugo da sede de AJE Galicia [Asociación de Jóvenes Empresarios], o que abre novas oportunidades económicas para a cidade”.

En canto ao contido e o funcionamento do programa, inclúe diversas fórmulas: obradoiros de formación, asesoramento personalizado e especializado, networking ou rede de contactos, presentación do proxecto ante inversores e busca de financiamento. A rexedora tamén explicou que esta iniciativa nace das xestións feitas “ante diversos ministerios en Madrid nos últimos meses” e lembrou que a pesar de que o Concello non ten competencias en materia de emprego “traballamos día a día para atraer novos proxectos e investimentos á nosa cidade que dinamicen o mercado laboral e axuden a eses 7.489 lucenses no paro a encontrar un posto de traballo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com