Nova ondada de protestas dos gandeiros. Pero agora a Plataforma en Defensa do Sector Lácteo vai a tiro fixo, e as súas demandas xa non van dirixidas á distribución ou á industria en xeral, senón a aquelas empresas que incumpren os acordos.
Lactalis é unha delas, aseguran dende a agrupación de sindicatos, e por iso a súa planta en Vilalba foi a diana da primeira mobilización do mes de xaneiro. Alí concentráronse dende as 12 do mediodía centos de gandeiros chegados de diferentes puntos da provincia pero tamén doutras zonas de Galicia, bloqueando a entrada cunha grande fogueira de pneumáticos e pacas de palla.
Pero isto é só o comezo. A plataforma prevé unha campaña “dura”, asegurou o voceiro de Unións Agrarias, Óscar Pose en declaracións a Lugo Si radio. E así llo fixeron saber á multinacional francesa. “Imos ir en contra de Lactalis e todos os seus produtos, contra as marcas concretas que envasa, os queixos, leites, batidos e toda a ampla gama que vende nas diferentes distribucións” anunciou Pose.
A súa reivindicación é clara: queren que a empresa lles repercuta aos produtores a suba do prezo do leite feita pola distribución. A firma, que envasa entre outros produtos os da marca Président, “ten os cartos que lle pagou a distribución, e así nolo certificaron as propias distribuidoras. Só falta que Lactalis nos dea o que é noso, o que loitamos e conseguimos nas mobilizacións de decembro”.
O voceiro de Unións Agrarias asegura que os gandeiros non van permitir que a compañía “se apropie dos nosos cartos por máis tempo”. E máis cando o grupo lácteo “recoñece que ten eses cartos”, tal e como lles confirmaron nas xuntanzas mantidas coa empresa, “e tamén que nos van pagar, pero a partir da renovación do próximo contrato, de forma que non cobraríamos ata maio”, algo que segundo explica Óscar Pose é inviable cando a situación das explotacións “é agónica”.
Acordos
Óscar Pose lembra que en agosto e setembro a plataforma levou a cabo “grandes mobilizacións que orixinaron un acordo, do que non se cumprira nin un só punto”, polo que volveron protestar en decembro. Nese momento, explica, houbo un acordo “importante” coa distribución. “Ese si se cumpriu, polo menos unha parte, e a distribución pagou dous céntimos ás industrias que envasan a marca branca”, uns importes que, ao mesmo tempo, a industria tería que entregar aos gandeiros. “Pero Lactalis non o fixo”, lamenta, a diferenza doutras compañías, como Leite Celta, “unha empresa similar en tamaño que repercutiu a suba nos gandeiros”.
Aínda así, Pose matiza que o acordo coa distribución era un primeiro paso, xa que “a industria ten que poñer a súa parte para que producir leite en Galicia sexa viable” aínda que lamenta que “con Lactalis non podemos chegar a ese segundo paso porque xa non quixo chegar ao primeiro. Estamos atascados”, remata.