Este martes, o Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández Fernández, presentaron a XXVI Festa da Androlla, que terá lugar o vindeiro día 7 de febreiro neste Concello da Montaña. No acto, tamén participou María del Carmen Sánchez Iravedra, unhas das profesionais do sector cárnico que participa nesta cita e que ten unha empresa de embutidos en Navia.
Campos Conde declarou que a Deputación colabora coa Festa da Androlla dende 2008, e destacou que “renovamos a nosa colaboración con esta festa, que xa ten 26 anos de historia, para pór en valor e impulsar os produtos da provincia, ao tempo que contribuímos a desestacionalizar o turismo no rural. Hai que ter en conta que a Festa da Androlla recibe entre unhas 2.000 e 3.000 persoas o que, sen dúbida, axuda a dinamizar a economía local e a xerar riqueza, pois comercialízanse máis de 4.000 quilos de produtos cárnicos, entre os que destacan os 2.000 de androlla”.
O Presidente destacou que o sector cárnico en Galicia abarca máis de 600 empresas, dá emprego a máis de 9.000 persoas e factura máis de 1.400 millóns de euros ao ano. “A produción porcina en Galicia está concentrada, principalmente, en Lugo, onde, segundo datos oficiais, contamos con preto de 200.000 cabezas”, salientou.
O alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, agradeceu ao Presidente esta axuda e animou á xente a achegarse ao Concello “para desfrutar dun produto de calidade como a androlla de Navia de Suarna”. María del Carmen Sánchez Iravedra puxo en valor a colaboración de Deputación e Concello, pois “axúdannos a promocionar a vida no rural e do rural”.
As actividades arrancan o día 7, ás 10:00 horas, cun pasarrúas a cargo dun grupo de gaitas. Ás 10:30 horas, abrirán os stands. Ás 13:00 horas, todos os visitantes poderán participar na degustación da Androlla na Praza da Vila. Ás 15:00 horas será o xantar popular. Por último, ás 18:00 horas, terá lugar a actuación dun grupo de gaitas, coa que se clausura esta cita gastronómica.