A Concelleira de Benestar Social, Igualdade e Inlusión, Ana González Abelleira, visitou esta maña as instalacións de A Casa da Muller, que o ano pasado atendeu máis de 5.000 consultas. González Abelleira declarou que “máis do 35%, unhas 1.820, estaban relacionadas con mulleres vítimas violencia de xénero, 1.316 estaban vinculadas á atención psicolóxica (problemas familiares e de parella, entre outros) e 1.170 ao asesoramento xurídico (sobre dereito de familia, civil ou penal). Tamén se rexistraron consultas de temática social (477) e doutro tipo de información (370) e achegáronse por vez primeira preto de 300 mulleres, para recibir, de xeito gratuíto, información ou asesoramento”.
Durante a visita, a Concelleira subliñou “que non soamente é importante o número de mulleres que pasan por esta casa, senón tamén a calidade deste servizo, que co paso dos anos se convertiu en referente na cidade”. Neste senso, a edil fixo fincapé no “imprescindible” labor que desempeñan as profesionais deste centro, que ofrecen unha atención integral á muller coa finaldiade de promover a igualdade de dereitos e a non discriminación entre mulleres e homes, así como a participación da muller en todos os ámbitos da sociedade.
Abelleira asegurou que “seguiremos traballando no labor da igualdade para que a sociedade se sensibilice para conseguir unha igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”, e fixo fincapé na sensibilización entre os máis novos. Neste senso, a edil insistiu na importancia de que a Administración Local manteña as competencias en materia de igualdade e contra a violencia de xénero, “pois é a administración máis próxima aos cidadáns”, ao tempo que chamou a “compaxinar recursos co resto das administracións para conseguir un equipamento e un servizos axeitados para acabar co terrorismo machista”.
Asemade dende a Casa da Muller organízase o programa Aprende Xogando, co obxectivo de procurar o desenvolvemento da personalidade das nenas e nenos a través do xogo e os xoguetes ao tempo que se concilia a vida familiar e laboral. Dirixido aos cativos e cativas empadroadas no Concello cunha idade de 3 a 12 anos, o pasado 2015 participaron neste programa máis de 1.600 cativos e cativas.
O Concello de Lugo, a través de 3 pisos de acollida, atendeu a 8 mulleres e 6 menores co obxetivo de aloxar ás mulleres vítimas de maltrato e aos seus fillos, proporcionándolles un entorno de seguridade e atención integral. O perfil das usuarias é o dunha muller de entre os 36 e 45 anos, do mesmo Concello lugués, que convivían co agresor e que foron derivadas ao centro dende a Policía Nacional. O tempo medio de estancia foi entre 11 e 30 días.