Finalizadas as obras de rehabilitación no Castelo de Pambre

A finalización das obras de rehabilitación do Castelo de Pambre converten a esta edificación nun novo referente patrimonial no Camiño de Santiago e un flamante reclamo turístico da provincia de Lugo.

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro na súa estadía en Palas de Rei, concello no que está situado este edificio histórico, fixo un repaso polas obras levadas a cabo no interior do recinto fortificado, e que consistiron na realización de “intervencións arqueolóxicas, a recuperación das estruturas murarias, o acceso a todas as zonas importantes da fortificación e á rehabilitación da zona residencial existente”. Ademais, Turismo de Galicia realizou distintas actuacións complementarias relacionadas coa mellora da contorna e do acceso ao castelo, que tamén foron visitadas pola titular do departamento de promoción turística da Xunta.

A directora de Turismo de Galicia referiuse aos traballos de colocación de varandas nos desniveis dos percorridos do recinto, “encamiñadas a realizar os percorridos adaptados de xeito máis seguro”. así como na iluminación, “que fará que se poida visitar o castelo no horario no que a luz diúrna non permita observalo e percorrelo”. Outras das actuacións complementarias refírense á instalación de protección contra o raio e á sinalización de percorridos e elementos singulares, de xeito que “se facilite a comprensión do castelo, os seus percorridos, as súas partes, estancias e localización das mesmas no exterior”.

Por último, neste ámbito, Nava Castro sinalou as obras de reconstrución e rehabilitación do hórreo que existía no interior da fortificación e as de teitado das pasarelas, “para facilitar o percorrido na contorna do recinto entre as murallas das torres e a torre de homenaxe de maneira que as visitas se fagan máis confortables nos momentos de climatoloxía adversa”.

Este inmoble contará cun espazo destinado a Centro de Interpretación do Castelo, o cal estará integrado en catro salas distintas. A primeira sala integrará a proxección multimedia e a seguinte ilustrará a relación do Castelo co medio físico e natural facendo fincapé co vínculo que ten co Camiño de Santiago. Na terceira sala incorporarase a información sobre a Idade Media Galega relacionada coas familias nobiliarias e o poder eclesiástico e finalmente a última sala destinarase ao propio Castelo e a súa historia ata os nosos días.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com