O Concello está a levar a cabo a roza da parcela de titularidade municipal situada en fronte do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA). Trátase duns terreos que se acondicionarán como estacionamento, co que se crearán en torno a 330 prazas. Este proxecto contempla varias fases. A primeira consiste en limpar a zona de aparcamento, da cal se encargan tres operarios con tractor e desbrozadoras manuais.
Posteriormente, procederase ao movemento de terras para explanar o terreo. Tamén se tomarán as medidas necesarias para protexer a mámoa achada na finca segundo as disposicións de Patrimonio. A conclusión deste proceso irá parella á aprobación do 5% pendente do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), pois con elo o terreo terá a cualificación urbanística necesaria para o uso de aparcadoiro.
Ademais destas actuacións, o Concello tamén levará a cabo a reordenación do tráfico nos viais próximos ao HULA, medidas coas que quedarán habilitadas máis de 800 prazas de aparcamento gratuítas nesta zona, 500 delas de nova creación.