Barreiro deixa libre a presidencia do PP de Lugo e anima “aos que teñan esa vocación e ilusión”

O aínda presidente provincial do PP, José Manuel Barreiro, non optará á reelección para este posto despois de case 14 anos ao fronte do partido en Lugo. O propio Barreiro confirmouno esta tarde na rolda de prensa posterior á xunta directiva provincial, na que estivo presente o xefe do executivo galego, Alberto Núñez Feijóo. O senador abre así as portas a novas caras para o congreso provincial do día 6 de marzo. “O proceso ten que estar baseado na imparcialidade, o respecto, o apoio e o recoñecemento dos compañeiros que estimen dar o paso, porque non é un paso fácil”, manifestou. Asegura que polo momento “ninguén me fixo chegar a súa intención” e quixo animar “aos que teñan esa vocación e ilusión”. “Este é un traballo que require dedicación, entrega e xenerosidade, e calquera persoa que estea disposta a dar ese paso xa está demostrando un compromiso que hai que recoñecer e valorar”, engadiu.

En todo momento quixo deixar claro que non se despedía da vida política, “senón máis ben todo o contrario”, e expuxo os motivos da súa decisión. “Quero ser fiel a tres principios que me parecen importantes na vida e na política”, comezou, como son “responsabilidade, lealdade e coherencia”. Barreiro fixo referencia á demanda de renovación que fai a sociedade, aínda que “en si mesma non é un método que solventa todos os problemas”, ao tempo que recoñeceu que “é obvio que unha persoa que leva 14 anos non é o mellor exemplo para trasadar esa mensaxe de renovación”.

Tamén quixo ser “leal” coa militancia e coa xente que confía no partido, e engadiu que é un “exercicio de responsabilidade bo para o PP de Lugo e para a sociedade lucense que outras compañeiras ou compañeiros asuman a tarefa de dirixir o partido”.

Un momento que esixe dedicación no Senado”

Uns motivos aos que sumou un máis, a súa condición de voceiro do PP no Senado “nun momento especial na vida política española, onde nós, o PP temos maioría absoluta no Senado e non a temos no Congreso”. Unha circunstancia que “esixe unha dedicación nesta cámara”, especialmente cando “o PSOE está disposto a cogobernar, a que exista un segundo presidente do Goberno que pon en cuestión a unidade de España, a soberanía nacional, a igualdade de todos os españois con independencia de onde vivan”.

Barreiro segue sendo unha persoa clave no PP”

O presidente da Xunta, en declaracións aos medios, destacou que Barreiro “segue sendo unha persoa clave no PP de Galicia e no PP de España”, algo que lle confire “en consecuencia unha enorme responsabilidade na lexislatura que empezamos dado que só hai estabilidade política no Senado e el é o primeiro senador de España”.

En 14 anos non chamamos a atención”

O voceiro do PP no Senado botou a vista atrás e amosouse satisfeito porque “en 14 anos non chamamos a atención; mantivemos por riba de todo o maior activo do partido, a unidade”, unha situación da que, recoñeceu, “non son o artífice, pero si participei e contribuín”. E matiza, “unidade non significa que non haxa debate interno, senón que se nós aspiramos a contribuír a mellorar a sociedade temos que ter claro, entre nós, o que queremos facer”. Dixo estar convencido de que esa actitude se vai manter nesta nova etapa.

E como exemplo de todo o contrario puxo ao PSOE. En concreto lembrou o “espectáculo lamentable do último pleno da Deputación”, onde se escoitaron insultos e palabras masoantes. “Foi unha falta de respecto ás institucións e á sociedade á que teñen que servir esas institucións”, dixo. A explicación é que “o PSOE perdeu o norte, cun líder que se dedica ao que se dedica (por Besteiro), ao mesmo ao que se dedica o seu xefe que aspira agora a presidir España, a poñer por diante de todo eses intereses de carácter persoal. E rompeu a organización do PSOE en Lugo e en Galicia”.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com