A Comisión de Tráfico da Policía Local, presidida pola Alcaldesa, Lara Méndez, aprobou adoptar unha serie de medidas para mellorar a accesibilidade e a seguridade de peóns e vehículos nas rúas Carril dos Indios, na pista Pena da Mula (na estrada de Portomarín), na estrada de Santiago, Avenida de Magoi e Mar Cantábrico.
Deste xeito, acordouse o pintado dunha praza de estacionamento para persoas con mobilidade reducida no Carril dos Indios; a colocación dunha sinal de stop na pista de Pena da Mula, na estrada de Portomarín; a limitación a 50kms/h. e a sinalización dun paso de peóns na estrada de Santiago, ao carón do cemiterio San Froilán, para calmar o tráfico, dado que tras o arranxo do pavimento os vehículos circulan a moita velocidade producindo situacións de perigo para os peóns, así como estudar solucións alternativas á supresión dunhas escaleiras existentes na mediana da Avenida de Magoi que os veciños usaban para cruzar; e adoptar medidas para reducir a velocidade de circulación na rúa Mar Cantábrico.
Esta serie de medidas súmanse a outras actuacións que levou a cabo o Concello recentemente coa finalidade de mellorar a seguridade viaria na cidade. Entre elas, o peche á circulación rodada do tramo peonil da Ronda da Muralla, co que se mellorou o acceso da cidadanía ao edificio administrativo do Concello e dos alumnos do colexio A Inmaculada, ademais de mellorar a seguridade dos peóns e dos alumnos do colexio Franciscanos, ao eliminarse a circulación en dobre sentido pola Praza Maior.
Tamén se realizou o desdobramento dun dos carrís na Avenida Duquesa de Lugo, concretamente do treito entre as rotondas da rúa Serra de Meira e da Monforte. Deste xeito, favorécese a fluidez do tráfico neste acceso á cidade no que se concentra un importante volume de vehículos. O Concello cambiou tamén o pavimento da rúa Conde por outro máis rugoso, na marxe esquerda entre Salmón e Río Sil.