Candia e Carballo, a primeira candidatura oficial a presidir o PP de Lugo

Nin 24 horas pasaron dende que José Manuel Barreiro confirmara os rumores sobre a súa renuncia a presidir de novo o PP provincial, e xa se fixo pública a primeira candidatura. Tamén neste caso as quinielas eran acertadas e a alcaldesa de Mondoñedo e voceira do PP na Deputación, Elena Candia, ofrécese como candidata. Non o fai soa, xa que o subdelegado do Goberno en funcións, Ramón Carballo, concorrerá como vicepresidente na lista. O tempo apremia xa que o próximo venres día 12 remata o prazo para presentar as candidaturas de cara ao congreso provincial do PP do 6 de marzo.

Barreiro animaba onte a que “o que teña vocación e ilusión” dea un paso adiante. E precisamente a ilusión foi unha das palabras máis pronunciadas por Candia e Carballo. Tamén as referencias á militancia do PP foron constantes: “Este non é un proxecto de dúas persoas, damos este paso porque nos animou moita xente, moitos afiliados e simpatizantes. Non somos os candidatos de Barreiro, nin de Feijoó, nin de Rajoy, non hai etiquetas” dixo Candia. “Somos os candidatos da militancia do PP de Lugo, ou iso queremos ser”, engadiu a mindoniense.

O apoio interno dos populares tamén foi un dos motivos de Carballo para decidirse “a dar o paso” aínda que tamén se viu atraído polo tipo de plantexamento que lle fixo Candia. “Como manifestei estes días, eu non quería facer un proxecto individualista, eu dixen que participaría nun proxecto de equipo que é o que me propón a candidata” explicou o subdelegado en funcións. Carballo tamén especificou que a forma de traballar será “continuista”.

“Non hai adversarios, somos compañeiros”

Polo momento a de Candia é a única candidatura presentada oficialmente, pero a rexedora xa avanzou que “respectaremos calquera opción se a houbese”, ao tempo que manifestou que “neste partido non hai adversarios, somos compañeiros e o noso obxectivo sempre vai ser facer equipo”. A falta de confirmación, outras das opcións poderían ser o alcalde de Cervo e presidente da FEGAMP, Alfonso Villares ou a delegada da Xunta, Raquel Arias, sen que se descarte que puideran conformar un equipo único.

“Barreiro é o mellor presidente”

O nome de José Manuel Barreiro soou en varias ocasións no discurso dos candidatos. “É o mellor presidente que tivo nunca este partido”, aseverou Candia, “e merece que se coide o seu legado” matizando que “deixou o listón moi alto”. A popular definiu ao senador como “un exemplo de compromiso, dedicación, capacidade de traballo, liderado e xenerosidade”.

 

 

 

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com