O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, destacou hoxe que o selo galicia Calidade apuntalará á adega Vía Romana como referente da empresa familiar galega que ten sido capaz de expandirse e competir nos mercados globais. Conde entregou hoxe o certificado de Galicia Calidade, que recoñece ao seu mencía, aos responsables da compañía chantadina, caracterizada “por unha forma distinta e galega de facer as cousas”, plenamente comprometida coa calidade a través das máis avanzadas técnicas de tratamento e elaboración de viños, unidas á gran calidade da materia prima e a exhaustivos controis de calidade. “ViniGalicia, a través da adega Vía Romana, segue así o traxecto doutras empresas que están levando ás nosas mellores referencias vinícolas por todo o mundo, baixo o selo Galicia Calidade, contribuíndo así de forma clara a facer Marca Galicia”, dixo Conde.
Coa vinculación entre Galicia Calidade e Vía Romana, a marca de garantía da un paso máis no recoñecemento do sector vitivinícola galego, que incorpora xa 13 adegas das 5 denominacións de orixe. Coa incorporación desta última adega, Galicia Calidade suma xa 55 empresas e máis de 350 produtos certificados. Conde destacou tamén que, no marco da Estratexia Galicia Calidade 2014-2016, a Consellería de Economía, Emprego e Industria chegou a acordos nos últimos meses para estender o selo de garantía a outros sectores da economía galega como o granito, a biomasa ou o turismo.