O Concelleiros Miguel Fernández e Daniel Piñeiro, visitaron a parroquia de Santa Comba onde o Concello instalou un parque biosaudable que conta cun circuíto con 5 máquinas destinadas á realización de exercicio físico, nas que o Concello investiu uns 14.000 euros. Trátase do primeiro espazo destas características coas que conta a zona rural de Lugo, tal e como anunciou Fernández, quen deu a coñecer que se instalarán máis parques deste tipo así como novas zonas de xogo infantís nas parroquias, “dentro da aposta do Concello polo rural, que representa o 80% do territorio do municipio”.
Durante a visita, Fernández asegurou que “con esta nova dotación fomentamos a práctica deportiva no noso municipio, coa intención de mellorar a calidade de vida dos veciños, independentemente de onde residan, no rural ou na cidade”.
Por outra banda, Piñeiro convidou a todos os veciños “a acudir a este novo espazo que cumple cunha doble función, adoptar costumes de vida saudables ao tempo que se contribúe a fomentar a ocupación dos espazos verdes públicos e así mellorar a convivencia entre os veciños”.
A instalación do parque biosaudable, que responde a demandas veciñais, súmase a outras actuacións que está a acometer o Concello nas parroquias do rural, como a ampliación da rede de abastecemento de Meilán, o desbroce de camiños públicos ou a renovación do local social de Bosende. Así mesmo, o proxecto de Orzamentos 2016 presentado polo Goberno contempla 270.000 euros para a mellora dos viais das 54 parroquias, ademais de acometer a instalación de servizos no rural, como traídas de augas e saneamentos.