Adxudicado o servizo de transporte urbano a Monbus

A Xunta de Goberno Local celebrada este mércores, adxudicou a xestión do servizo de transporte urbano de viaxeiros de Lugo á empresa Autobuses Urbanos de Lugo, do grupo lucense Monbus, por un prazo de 10 anos, con opción a prórroga de 5 máis. Para este exercicio do 2016, a concesión ten un orzamento de 2.994.186,30 euros, que inclúe tanto o desembolso económico que fai o Concello como o importe das tarifas dos billetes que paguen os usuarios do servizo. O aforro que supón o novo contrato ascende a uns 600.000€ ao ano.

O voceiro municipal, Miguel Fernández, explicou que se adxudicou o contrato a esta empresa por ser a oferta máis vantaxosa, pois plantexa 2,10 euros por quilómetros, 6 céntimos menos que a outra empresa; así como polas súas melloras. Entre elas, Autobuses Urbanos de Lugo propón como compromiso a cifra de 1.850.000 viaxeiros ao ano, cunha frecuencia de media hora cada liña, e con 5 prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida, fronte á frecuencia de 55 minutos e 4 prazas da outra empresa. A empresa adxudicataria terá que incorporar entre 11 e 12 unidades novas para cumprir a idade media establecida no prego de condicións, que nunca poderá superar os 10 anos de media, nin exceder dos 15 anos por vehículo, durante o período de concesión. Salvo no momento do traspaso da concesión actual, todos os vehículos que se adscriban a esta deberán ser de nova adquisición.

Monbus propón un plan piloto de eficiencia enerxética no segundo ano da concesión, baseado na adquisición dun vehículo de fontes enerxéticas e emisións diferentes, poñendo a disposición un autobús híbrido. A adxudicataria ofrece  tamén un paquete de 7.000 quilómetros anuais sen custe para o Concello, así como a adquisición dun vehículo especial tipo minibus a fin de poder prestar servizos naquelas zonas que, polas dimensións dos viais existentes nas mesmas, non sexa posible a prestación do mesmo cun vehículo de maior tamaño.

Asemade, a Xunta de Goberno aprobou prorrogar o contrato administrativo subscrito entre o Concello de Lugo e a mercantil Coesco Deza S.L., adxudicataria do servizo de comidas do fogar, dende o 19 de febreiro de 2016 ata o 18 de febreiro de 2017. Así o avanzou o voceiro municipal Miguel Fernández, quen anunciou que se aprobou tamén o gasto de máis de 83.700 euros para este servizo, denominado Xantar no Fogar, que repartiu máis de 17.700 menús no pasado 2015.

Con este servizo, que ofrece comida preparada a domicilio 2 días á semana a cada beneficiado durante os 365 días do ano, o Concello pretende proporcionar unha alimentación equilibrada aos usuarios e favorecer a prevención de posibles trastornos de saúde derivados da insuficiente alimentación ou dunha dieta pouco adecuada, así como previr accidentes domésticos durante a preparación da comida. Este programa, que pode ofrecer tanto unha como as tres comidas a domicilio, ten un custe para os usuarios dende os 0 euros aos 4,71 por menú, segundo a renda do beneficiario.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com