Na maña deste mércores a comisión municipal de traballo acompañada polo xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Lugo, Cervo e Monforte, Ramón Ares, puideron comprobar o importante deterioro que presentan as instalacións do antigo Xeral. Ante este evidente deterioro o Goberno esixe á Xunta de Galicia que acometa de inmediato obras de conservación do edificio para evitar que se agrave o seu deterioro e quede danada a estrutura de maneira irreversible.
O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro, declarou que a comisión non puido acceder ás dependencias do vello Xeral “porque está selada e en moi mal estado, con paredes e teitos caídos”, e só entrou nas instalacións do Materno Infantil, que “se encontra tal e como o deixaron cando quedou baleiro, cun exceso de material que ao noso entender puido ter sido doado a distintas asociacións de carácter social, e, no terceiro andar, hai un dano considerable no tellado”, cun burato de importantes dimensións xunto aos ascensores polo que entra a auga, que xa asolaga o chan e provoca filtracións no resto das plantas.
Piñeiro subliñou que “puidemos comprobar que a Xunta non ten absolutamente ningún plan concreto para darlle uso a este complexo, pois descarta a creación dun segundo PAC na cidade e, segundo Ramón Ares, sería posible estudar un centro de saúde para desdobrar o centro médico da Milagrosa, pero na Escola de Enfermería, polo que o Xeral e o Materno seguirían quedando sen uso algún”.