O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, supervisou este xoves as obras que está acometer o Concello co fin de arranxar o rexistro do colector de saneamento da rúa da Rocha, á altura de Ponte Romai, ante o grado de deterioro da propia tapa de rexistro e os danos ocasionados no seu entorno polo levantamento da mesma.
Os traballos, que contan cun orzamento de máis de 5.000 euros evitarán novas fugas, consisten no formigonado do cerco da tapa do rexistro, na súa colocación e ancoraxe ao pozo mediante barras de aceiro e a posterior reposición do pavimento, “unha intervención coa que ademais de garantir as boas condicións dun servizo público como é o saneamento, contribuirán a un menor impacto visual na zona”, subliñou Núñez, quen destacou a importancia desta obra para dar resposta ás peticións dos veciños. As obras, que comezaron esta semana, estarán rematadas ao longo deste mes, en canto melloren as condicións meteorolóxicas para repoñer o pavimento.
“Enmárcase ademais na decidida aposta e no firme compromiso que ten este Concello por mellorar a calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas independentemente de onde residan”, asegurou o edil, quen anunciou que “este Goberno continuará apostando por actuacións coma esta que, aínda que pequenas, teñen unha grande repercusión no día a día dos cidadáns”.