A Deputación supervisou á primeira hora desta mañá os danos existentes en estradas nos Concellos de Cervantes e Folgoso do Courel, provocados polas intensas precipitacións que caeron durante esta noite. O organismo provincial sinalizou e habilitou rutas alternativas en 3 vías cortadas ao tráfico en ditos municipios.
Concretamente, as estradas que se atopan cortadas a tráfico son LU-P-1401 en Cervantes, de San Martín de Ribeira por Couso á LU-P-1404, entre os puntos quilométricos 0+200. Esta estrada conecta cos núcleos de Sabadelle, Couso e Tarnas e para chegar a elas, a Deputación habilitou unha ruta alternativa, que se atopa perfectamente sinalizada, por Quindos e San Román.
Ademais, tamén está cortada a LU-P-1305, de Campa por Vilar ao Alto do Boi, afectando ás aldeas de Vidallon, Campa e Vilar; e a LU-P-4701, de A Pobra do Brollón por Parada dos Montes a Folgoso do Courel. Hai desvíos sinalizados por Eiriz e Seceda, e por A Pobra e Quiroga.
Dispositivo en marcha
A Deputación de Lugo ten activado arestora un dispositivo de seguridade para atender todas as incidencias que se producirán a partires do domingo, cando a provincia de Lugo se verá afectada por un temporal que deixará intensas precipitacións en forma de choiva e neve.
Segundo as previsións, poderá haber acumulacións de neve de ata 30 centímetros nos Concellos de A Fonsagrada, Ribeira de Piquin, Negueria de Muñiz, Navia de Suarna, Becerreá, Cervantes, As Nogais, Pedrafita do Cebreiro, Folgoso do Courel, O Incio, Samos, Triacastela, Quiroga, Ribas de Sil; e de ata 10 centímetros en estradas de Ourol, Muras, Xermade, Vilalba, Mondoñedo, A Pastoriza, Baleira, Friol, Guitiriz, Paradela e Sarria.
Este dispositivo está composto por 18 máquinas quitaneves, 16 tractores e 16 todoterrenos, dotados todos eles de cuña e salgueiro, así como de 8 vehículos de apoio con diverso material como motoserras, palas ou picos, entre outros.
O organismo provincial ten neste momento máis de 500 toneladas de sal distribuídas polos 13 silos que hai na provincia, e que se empregarán se as circunstancias o precisan.
A Deputación manterá activado este protocolo 24 horas ao día para atender calquera tipo de incidencia relacionada co temporal. Recoméndase circular con precaución e reducir os desprazamentos ao mínimo.