A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, inaugurou este mércores o programa Saídas á Rúa que ASPNAIS organizou con motivo do seus 50 primeiros anos de vida recibindo no Salón de Plenos do consistorio, a 127 membros desta entidade social.
O colectivo de ASPNAIS que visitou a casa consistorial estivo composto por 110 usuarios e 17 traballadores, co presidente, José Reigosa García, á fronte. A Alcaldesa recibiu oficialmente e saudou aos visitantes, que encheron de ilusión e sorrisos o Concello. Méndez felicitounos, non só polo aniversario que ASPNAIS vén de celebrar, senón tamén, e de xeito especial, polo labor que está a desenvolver no eido da discapacidade intelectual na cidade e na provincia de Lugo.
Lara Méndez subliñou que “hoxe é un día moi especial por poder recibir no Concello á gran familia que conforma ASPNAIS, que conmemora o seu 50 aniversario cunha serie de visitas institucionais, 50 anos de traballo para buscar as capacidades e a inserción real de persoas que nacen diferentes”.
Pola súa banda, Reigosa agradeceu á Alcaldesa “que recibira a un grupo tan numeroso de usuarios” nesta primeira visita institucional, iniciativa que ten como obxectivo, “primeiro, abrir as portas de ASPNAIS a todos os lucenses que queiran achegarse a nós e coñecer o noso funcionamento, e, segundo, achegar aos nosos usuarios ás institucións e aos seus representantes co fin de integralos e conseguir a súa plena inclusión, pois, se ben teñen algunha discapacidade, tamén teñen aptitudes e valías coas que, con axuda, se poden integrar plenamente na sociedade”.
Despois da recepción na Casa do Concello, 45 persoas de ASPNAIS acudiron ao Cuartel de Bombeiros (antigo Cuartel de Garabolos), onde foron atendidos por persoal deste Parque e membros da Policía Local, para que os usuarios visitantes coñezan as instalacións e funcionamento destes dous servizos dependentes do Concello.