En plena campaña na carreira polo PP de Lugo que libran a delegada da Xunta, Raquel Arias e a voceira popular na Deputación, Elena Candia, o voceiro do PP na cidade, Jaime Castiñeira, saíu a escena para chamar á participación dos afiliados. Anímaos a acudir á elección dos compromisarios, aos que os militantes lles delegarán o seu voto no Congreso do día 6 de marzo do que sairá a futura presidenta do PP de Lugo. O peso da cidade é destacable, xa que dos máis de 700 compromisarios en toda a provincia, 163 corresponden á capital lucense.
Tal como explica Castiñeira nunha carta remitida aos afiliados do partido na cidade, “aínda que non te inscribas como compromisario, anímote moi sinceramente a acudir á votación porque a túa participación activa é fundamental para garantir que os compromisarios sexan elixidos polo maior número posible de afiliados”.
Castiñeira, que apoia a candidatura de Arias na que tamén se integra a edil popular Mari Teijeiro, destaca que ten “a firme vontade de garantir que este proceso cumpra escrupulosamente cos principios de democracia e transparencia”, ao tempo que subliña que “estou seguro de que compartimos esa filosofía e de que, entre todos, conseguiremos que sexa un procedemento modélico”.