Protesta sobre rodas a favor do tren na provincia

O Alvia das 11:10 no seu traxecto entre Lugo e Monforte converterase hoxe no vehículo das protestas da plataforma Lugo…non perdas o tren. Unha ampla comitiva de representantes políticos, na súa maioría do PSOE e BNG aínda que tamén hai alcaldes de forzas independentes; e representantes do tecido asociativo, empresarial e sindical percorrerán xuntos este traxecto. Antes, ás 10:30 h. concentraranse diante da estación para facer visibles as súas protestas e á súa chegada á capital da Ribeira Sacra, prevista sobre as 12 h., volverán xuntarse de novo.

Teñen confirmada a súa participación nesta viaxe reivindicativa o secretario xeral do PSdeG-PSOE, José Ramón Gómez Besteiro, o presidente da Deputación, Darío Campos, o vicepresidente primeiro, Antón Veiga, a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez e outros moitos rexedores de concellos da provincia, deputados provinciais do PSOE e do BNG, a deputada socialista no Congreso, Margarita Pérez Herraiz, o senador socialista Ricardo Varela ou a deputada autonómica Concepción Burgo.

Miguel Ángel Corredoira, representante da Federación de Asociacións de Vecinos explicaba en declaracións a LugoSi radio que as peticións da plataforma, impulsada pola propia Federación, resúmense na necesidade de que Lugo “conte cun tren do século XXI”. Deste xeito, reclaman melloras nas infraestruturas relacionadas con este servizo, como é a construción dunha estación intermodal, o acondicionamento da estación e o barrio en xeral, a creación dun control do tráfico de mercadorías ferroviarias e o deseño dun plan urbanístico para a zona.

En canto ás frecuencias e as liñas, demandan “mellores conexións da provincia con Monforte, Betanzos, Santiago, Ponferrada ou A Coruña” así como un maior número de viaxes nas conexións a Madrid e Barcelona.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com