A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio e a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) organizan unhas xornadas informativas dirixidas principalmente a todos os concellos co motivo da próxima entrada en vigor da nova Lei do Solo. O obxectivo é dar conta das principais novidades do texto normativo, responder ás posibles dúbidas que xurdan ao respecto e asesoralos para que avancen na redacción dos plans xerais.
A secretaria xeral de Ordenación do Territorio, Encarnación Rivas, participou esta mañá en Lugo nesta rolda de encontros, dirixidos principalmente a responsables de urbanismo da administración local, así como doutras entidades.
Encarnación Rivas fixo unha chamada especial á protección e a ordenación do territorio aos asistentes, tendo en conta que foi unha lei na que se contou coa participación de todas e da que se aceptaron un 80% das propostas presentadas. No encontro tamén se abordaron as diferenzas máis importantes entre a nova Lei do solo e a normativa anterior, e nas ferramentas que a nova normativa recolle para facer da tramitación dun plan xeral un camiño práctico, sinxelo e coa menor tramitación administrativa.
Tal e como suxeriron os concellos, a norma inclúe como requisito para a implantación dos plans de ordenación básicos a necesidade dun informe vinculante das entidades locais. De feito, a nova Lei do Solo incorporou a necesidade de que os concellos implicados na elaboración, ben do plan básico autonómico ou ben dos plans básicos municipais –que a Xunta elaborará para os municipios cunha poboación inferior a 5.000 habitantes que carezan de planeamento municipal- emitan un informe determinante no trámite de información pública dos plans.
Outro dos aspectos incorporados á nova Lei do Solo ten que ver coa ampliación das edificacións tradicionais (as de máis de 40 anos) existentes en núcleo rural ata nun 50%, aumentando así unha posibilidade restrinxida na LOUGA ao solo rústico. En concreto a lei permitirá a rehabilitación, reconstrución e por razóns xustificadas a ampliación ata o 50% sempre que non se desvirtúe a tipoloxía e se adapte á contorna preexistente e se destine a usos residenciais, terciarios, produtivos, actividades turísticas, artesanais, pequenos talleres e equipamentos.