Desarticulada unha banda de distribución e venda de haxix na provincia

Axentes da Garda Civil e da Policía Nacional, nunha operación conxunta, desarticularon no marco da operación Blocao un grupo criminal perfectamente estruturado, integrado por cidadáns de nacionalidade marroquí e española, especializado na comisión de delitos contra a saúde pública, tráfico de drogas e branqueo de capitais.

As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado interviñeron a esta organización máis de 130 kg. de haxix, tres vehículos, 79.000 euros, 2.750 dírhams, varios terminais telefónicos e útiles para a distribución e venda de sustancias estupefacientes.

A organización utilizaba, como método de seguridade, vehículos “lanzadeira” cando transportaban a droga procedente do sur de España e Marrocos, sendo frecuente recorrer a vehículos de aluguer a nomes de terceiras persoas, e adoptaban importantes medidas de seguridade no traslado, coa finalidade de non ser interceptados polos corpos de seguridade. En caso de verse en perigo non dubidaban en darse á fuga, co consecuente risco para a seguridade viaria e para os axentes.

A operación Blocao iniciouse tras intervir, nun turismo que circulaba pola estrada N-640, case 30 kg. de haxix, supostamente destinados para a súa distribución na provincia de Lugo e limítrofes. Garda Civil e Policía Nacional viñan xa investigando a esta organización, polo que uniron as súas pescudas a fin de desarticular por completo a estrutura delituosa.

En outubro de 2015 procedeuse á detención de dúas dos membros máis activos da organización, en plena autovía, cando estaban a piques de entrar en Lugo transportando 20 kg. de haxix, distribuído en landras, séndolles ocupados dous vehículos de alta cilindrada. Algúns dos vehículos utilizados pola banda dispoñían dun dobre fondo e outros habitáculos preparados para a ocultación de sustancias estupefacientes onde, ademais de drogas, ocultaban diñeiro para o seu traslado.

Baixo a dirección e coordinación do Xulgado de Instrución nº 3 de Lugo, levou a cabo de forma conxunta entre Policía Nacional e Garda Civil esta investigación que durou máis de dous anos e que permitiu desarticular a perigosa organización criminal que distribuía droga por toda a provincia de Lugo.

Onte, mércores, efectuáronse tres rexistros domiciliarios en Lugo capital, nos que se interviñeron 12 kg. de haxix e 21.000 euros en efectivo, e procedeuse á detención de dous súbditos marroquís e un de orixe española, veciños de Lugo e con idades comprendidas entre os 30 e 35 anos. A droga era distribuída polos integrantes da banda polo miúdo en toda a provincia mediante a venda directa aos clientes cos que contactaban asiduamente, facendo desta maneira máis vantaxosa e lucrativa a actividade, ao non ter que contar con intermediarios na súa distribución.

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com