O Ministerio do tempo

Algunha das forzas emerxentes queren ser casta para loitar contra a casta desde dentro. Consideran casta aos políticos profesionais, situados, que se alternan na posesión do poder, e cando cesan pasan a mellor vida política e económica entrando polas coñecidas portas xiratorias que van desde a Administración aos Consellos de Administración das grandes empresas para que a esas grandes empresas lles abran as portas das administracións.

Os emerxentes aspiran a suceder aos que gobernan, e non piden feitos senón postos, e mesmo Pablo Iglesias, para empezar a gobernar esixe a Vicepresidencia do Goberno, sabedor de que unha vicepresidencia pode proporcionar tanto poder, tanta satisfacción política como a Presidencia do Goberno.
O último que se soubo de Pablo Iglesias, líder absoluto de Podemos, é que quere ser Vicepresidente do Goberno, controlar o Centro Nacional de Intelixencia, o Cis e unha secretaría anticorrupción. O do Cis, xa se sabe, é o centro onde se confeccionan –moitos din cociñan- as enquisas, que polo si ou polo non hai que concederlles unha certa influencia no electorado. Porque o análise da opinión do país, resulta que segundo se publique, é un instrumento de influencia na opinión do país. O do Centro Nacional de Intelixencia, a fin de contas, soa a servicio secreto, a operacións silenciosas, manexo do fondos reservados, fontanería política, información baixo man… Quen manexa a información, dosifica, distribúe, silencia ou magnifica, ten na man moito máis ca un altavoz. Ten nas mans o poder.

Hai quen se bota as mans á cabeza diante da posibilidade de que Podemos e a súa xente se faga cos poderes invisibles do goberno e polo tanto do Estado, como se eses poderes estiveran sempre en mans de persoas responsables, que miran polos intereses públicos antes ca polos dos seus correlixionarios. Se se confirma, sería un experimento, que podería parecerse a aquelo do “Aprendiz de bruxo”. A min que pidan ministerios dos que están á vista non me preocupa demasiado… o que me preocuparía é que pediran, e que lles deran, ese “Ministerio del tiempo”, tan de actualidade, que seguro lles permitiría facer experimentos que chamarían a atención .

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com