A piques de rematar a campaña para a elección dos compromisarios que terán que elixir a nova executiva provincial, a candidata Raquel Arias valora deste xeito o desenvolvemento desta primeira etapa do proceso.
“Estou ilusionada coa resposta que está a ter entre a militancia a nosa proposta de futuro para o Partido Popular de Lugo. Son moitos os que se están a sumar ao noso proxecto de renovación e, aínda que todos os apoios son importantes e necesarios, é moi alentador que máis da metade dos alcaldes populares desta provincia nos amosaran o seu respaldo”.
Arias subliñou “Valoro moito o apoio dos alcaldes e voceiros municipais, cargos institucionais e electos e militantes de base que dende o principio conforman este proxecto, así como os que se foron sumando durante esta fase inicial do proceso” pero tamén teño que “salientar”, recalca, “a enorme implicación da militancia”. “É moi gratificante constatar a ilusión coa que está sendo acollida entre os afiliados de base a nosa visión sobre cómo debemos organizar o partido e cómo debemos enfrontarnos aos retos que temos por diante”, explica.
“Sabiamos que aglutinábamos un sentir importante dentro do partido polo respaldo inicial co que partiamos pero non imaxinamos que fora a expandirse deste xeito”, recoñece. Segundo explica a candidata popular á presidencia do Partido Popular de Lugo, é “impresionante como se están a involucrar os afiliados. O feito de que moitas agrupacións locais teñan que votar o vindeiro luns para elixir compromisarios, dado o elevado número de aspirantes, así o acredita”.
Interacción moi enriquecedora
A candidata popular describiu como “moi enriquecedor” o balance dos encontros que durante esta semana mantivo con afiliados en distintas agrupacións locais da provincia. Uns encontros que continuará os vindeiros quince días. “Estamos condicionados polos prazos que marca o propio proceso do congreso pero, dado que son os que son, imos aproveitalo todo o posible para que o maior número de afiliados coñezan de primeira man o noso proxecto”, explica.