O equipo de Goberno defenderá o vindeiro xoves no Pleno ordinario, unha proposición na que esixirá á Xunta que realice as xestións pertinentes para a construción dun novo centro de saúde no barrio do Sagrado Corazón, recollendo as reivindicacións dos usuarios e dos profesionais do actual centro de saúde, que foi inaugurado hai máis dun cuarto de século. O voceiro municipal, Miguel Fernández declarou que “o centro actual, situado nos baixos de dous edificios, conta cunha serie de barreiras arquitectónicas, o que provocou que se tiveran que habilitar consultas preto da porta pola imposibilidade dalgún paciente de acceder a súa”.
Fernández subliñou que “o Concello de Lugo, ao igual que fixo xa hai 15 anos, ten a vontade de poñer a disposición do Sergas os terreos necesarios para que este barrio conte cos servizos sanitarios adecuados que merece para dar un servizo de calidade e digno aos veciños e veciñas”, e agarda que “desta volta o Sergas non rexeite os soares”.
O Concello xa intentou no 2008 levar a cabo a construción desta tan demandada infraestrutura en xuntanzas con responsables de Sanidade e do Sergas, chegando incluso a asegurar o xerente da área integrada do Sergas que existían fondos dispoñibles para o centro, afirmando que este proxecto, aínda que non estaba incluído nos Orzamentos, formaba parte dos plans da Consellería de Sanidade. Neste senso, Fernández lamentou o abandono ao que a Xunta somete unha vez máis a Lugo, “pois para que este centro de saúde formara parte dos plans da Consellería, nada se sabe del”.