O Club Deportivo Lugo saltaba ao campo coa intención de repetir as boas sensancións do último choque fronte ao Almería e reafirmar o bo momento ante o seu público no Anxo Carro. Pola contra o Club Deportivo Leganés chegaba a Lugo coa intención de manterse nos primeiros postos da taboa.
Durante os primeiros minutos do encontro, a igualdade por ambos equipos foi a tónica. Neste escenario de igualdade, foi o Leganés o que aos 28 minutos de xogo se adiantou no marcador, cun remate de Borja Lázaro que nada puido facer José Juan. Co marcador en contra, os de Milla buscaron inmediatamente o gol, adiantando liñas e apostando pola chegada á zona de perigo e preto do descanso, e tras varios intentos, os locais conseguían o empate cun gol de David López.
A segunda parte comezaba moi equilibrada e con moita igualdade por ambos equipos. O CD Leganés adiantaba o bloque e incrementaba a presión sobre os locais, o que facía que cada vez se achegasen con máis perigo á portería de José Juan; con esta situación, e no minuto 66, nun erro do Lugo, o brasileiro Gabriel poñía o definitivo 1-2 no marcador, o que lle daba a vitoria e os tres puntos ao Leganés.