A Deputación contactará co tecido empresarial para o plan de emprego xuvenil LUGOWORK

Arrinca a primeira fase do plan de emprego xuvenil da Deputación para a mocidade de entre 18 e 30 anos. Para comezar, o Goberno Provincial avalía a situación actual na provincia, tanto os perfís dos mozos e mozas que buscan traballo e non o atopan, como o tecido empresarial lucense, incluíndo as entidades que engloban a empresarios ou comerciantes pero tamén ás grandes compañías asentadas na provincia.

Así o anunciou o presidente, Darío Campos, xunto ao deputado de Promoción Económica e Social, Álvaro Santos Ramos, a área que está xestionando o programa. Campos Conde destacou que LUGOWORK conta con 2 millóns de euros de orzamento, dos cales o 92% proveñen de fondos europeos.

Unha iniciativa que beneficiará a un mínimo de 300 rapaces formación gratuíta para a súa inserción laboral por conta allea, é dicir, en empresas da provincia, que recibirán axudas de ata 4.200 euros para os custos salariais e de seguridade social dos novos traballadores durante 6 meses; ou a través do autoemprego, fomentando o emprendemento, opción na que os mozos recibirán directamente ata 3.000 euros para poñer en marcha os seus propios negocios.

Desta maneira, para iniciar a fase de diagnose (despois virá a de formación e a continuación a inserción laboral), a Deputación porase en contacto con todos os colectivos que representan ao tecido empresarial lugués, “que son os que verdadeiramente coñecen as súas necesidades, os que nos poden dicir que servizos se requiren para facer máis competitivos cada un dos sectores produtivos da provincia”, asegurou o presidente.

Mediación

Así, entre outros, o Goberno Provincial falará coa Confederación de Empresarios de Lugo, a Federación do Comercio ou a de Confrarías de Pescadores da Provincia, o Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia ou o da Denominación de Orixe da Ribeira Sacra, Sindicatos, entidades como Cruz Vermella ou Cogami, así como con Colexios Profesionais ou Asociacións, como pode ser a da Prensa de Lugo.

Tamén se iniciarán contactos con “empresas tractoras e gacela, as que fomentan en maior medida o crecemento económico nesta provincia polo seu nivel de vendas e de traballadores”, como é o caso de Vestas, Puerto Celeiro, Armadores de Burela ou Igapan, entre outras moitas.

Do mesmo xeito a Deputación establecerá conversas coa Universidade e cos Centros de Formación Profesional “para poñernos en contacto directo cos mozos que remataron os seus estudos e non están a traballar. Queremos informalos sobre as necesidades laborais que en primeiro lugar nos traslade o conxunto do tecido empresarial, e, por suposto, coñecer os seus proxectos para contribuír a súa inserción laboral como emprendedores”, subliñou Campos.

Ademais, o Goberno Provincial lembra que un dos requisitos que establece a Unión Europea á xuventude para poder participar nesta programación é a obriga de estar inscrito no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com