Santos di que a Fiscalía fÍxolle un “zasca en toda a boca” a Candia

Cando Elena Candia aínda era presidenta da Deputación, o 16 de outubro de 2015, acusara ao goberno anterior de “graves irregularidades” na adxudicación e xestión das obras para construír a nova sede da UNED. De feito, a popular levara o asunto ante a Fiscalía de Lugo, a mesma que esta semana vén de decidir o “arquivo das dilixencias de investigación penal por non resultar acreditada a comisión de ilícito penal algún”.

Unha decisión que para o deputado socialista Álvaro Santos é un “zasca en toda a boca” do representante do Ministerio Público a Candia e que para o voceiro demostra que “onde eles facían acusacións só había mentiras e manipulación”. Do mesmo xeito Santos acusou á popular de ter dirixido a Deputación “da forma máis rastrera e vergonzosa”, lembrando que Candia presentara a denuncia sendo presidenta da institución. O deputado destaca ademais que Candia tomou medidas xudiciais “nun momento no que sabía que ía perder o sillón da presidencia da Deputación”.

Unhas declaracións que o popular, Juan Carlos Armesto, considera “moi na liña do voceiro do PSOE, que sempre son moi grandilocuentes”. Armesto manifestou que o seu grupo “sempre acatará as decisión que tome a Fiscalía” pero engade que “estamos orgullosos do que fixemos porque se vemos un indicio de delito a nosa obriga é denunciar, non podemos ser particípes, ben por omisión ou por deixadez”.

Sen delito pero con déficit de rigor

A voceira do PP na Deputación afirmaba que na tramitación da nova sede da UNED se produciran delitos de malversación de caudais públicos e prevaricación, pero a Fiscalía non atopa fundamentos que o demostren. Ademais, o fiscal xefe explica que a denunciante non achegou os expedientes completos e entregou dous escritos sen asinar.

O que si recoñece é que existe un “déficit de rigor” no anteproxecto, xa que dende ese documento inicial ata o que finalmente se executou se producen unha serie de modificacións. Aínda así, eses cambios “non teñen maior relevancia sempre e cando se xustificase –da forma na que se fixo- a necesidade da súa modificación”.

Un dos argumentos de Candia era o desfase orzamentario do 110%, de forma que a obra fora adxudicada “en 959.000 euros e agora supera os dous millóns con creces”, explica Armesto. Pero o fiscal asegura que “para poder afirmar que existe malversación da caudais públicos será necesario […] acreditar que algunhas das cantidades en principio destinadas á obra proxectada foron indebidamente apropiadas ou destinadas a usos diferentes aos acordados no expediente”.

Outra das alegacións de Candia referíase a supostas anomalías no pocedemento administrativo de contratación, asegurando que se excluíran empresas sen xustificación e que se atoparan ofertas abertas e pechadas despois con celo. Tampouco neste caso Roberto Brezmes considera que “algún dos intervintes no expediente administrativo teña incurrido nalgunha infracción que leve aparellada algunha sanción”.

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com