O patrón da Fundación TIC, Jorge Coira, gañador do último Goya á mellor montaxe por “El desconocido”, mantivo este mércores un encontro cos alumnos e alumnas da Escola de Imaxe e Son, cumprindo así o compromiso que adquiriu cos estudantes da EIS se finalmente se alzaba co premio da Academia de Cine. A visita foi gravada íntegra polos alumnos, que tamén se encargaron da reportaxe fotográfica.
O cineasta de Rábade foi recibido polo Presidente da TIC e da Deputación, Darío Campos, quen dixo que “é un orgullo para toda provincia o éxito dun lucense coma Jorge Coira, e moi especialmente para nós, xa que contamos no noso Padroado cun profesional de primeiro nivel”. Segundo Campos, “Coira, que comezou de moi novo no eido audiovisual, é un exemplo para o noso alumnado. É a proba de que con constancia, ilusión e talento se pode chegar desde Lugo ao máis alto”.
Coira compartiu cos alumnos da Escola a súa experiencia nos Goya, unha gala na que tamén eran candidatos outros dous lucenses: Dani de la Torre, á mellor dirección novel, e Luis Tosar, a mellor actor protagonista. Coira, que traballa principalmente coma director, realizador e guionista, destacou a importancia da montaxe, unha especialidade que a EIS imparte nun dos seus módulos. Referiuse en concreto ao seu traballo en “El desconocido”, para o que só se desbotaron tres planos da gran cantidade de material que se rodou.
O patrón da TIC participa habitualmente nas actividades desenvolvidas pola Fundación. O último encontro cos estudantes da TIC foi durante a Xornada de Pitching organizada pola EIS, xunto a outros 17 directores e guionistas profesionais de Galicia. Pero ademais impartiu varias masterclass sobre dirección de cine, e tamén deu unha charla sobre a técnica para presentar proxectos audiovisuais dun xeito atractivo e conciso e expuxo ante os alumnos a súa experiencia nesta materia.
Jorge Coira naceu en Rábade en 1971. A finais dos anos 80 coñeceu a Luis Tosar, e xuntos comezaron a rodar as súas primeiras curtametraxes. A mediados dos 90 rodou as curtas “Gran liquidación”, “O matachín” e “A ti como se che di adeus?”. Na TVG traballou en series como “Mareas Vivas”, “Terra de Miranda”, “As Leis de Celavella” ou “Padre Casares” e para canles nacionais en “El comisario”, “Piratas” ou “Pelotas”. En 2004 estreou a longametraxe “El año de la garrapata” e en 2010 “18 comidas”, que recibiu numerosos premios. Na actualidade é presidente da Asociación de Directores e Realizadores de Galicia (CREA).