Os membros fundadores da Asociación Breoganista Nove Ondas veñen de emitir un comunicado onde amosan o seu parecer encol dalgunhas das cuestións da actualidade celeste, dirixido fundamentalmente ao actual consello de administración do C.B. Breogán.
En dito comunicado a asociación declara que “ante a ausencia de información, que se une a un mal momento a nivel deportivo, coa conseguinte preocupación na masa social breoganista, gustaríanos que o afeccionado recibise respostas. Ben en medios de comunicación, en forma de rolda de prensa ou no formato que o club considere oportuno. Cremos que un club coma o noso ten que ser, ante todo, transparente e comunicativo cara aos seus afeccionados, especialmente tras tanto tempo de silencio e nunha situación tan delicada como a actual”.
Nove Ondas enumera unhas serie de puntos sobre os que demandan máis información:
“Saber en qué estado se atopa o proceso de alleamento das accións da Deputación. Entendemos que non é esta unha cuestión deste consello de administración, se non da propia Deputación, pero sendo a totalidade desta directiva políticos, e a maioría membros do consello, consideramos que sería un xesto de boa vontade cara ao accionista e socio celeste”.
“Outro tanto ocorre ca venda da autocarteira do club, xa que a día de hoxe as noticias din que foron adxudicadas a D. Jesús Lence Ferreiro, pero descoñecemos se o Consello Superior de Deportes aprobou esta venda”.
“Tamén nos parece interesante coñecer a data prevista ou estimada para a convocatoria da xunta extraordinaria de accionistas, acordada na última xunta xeral ordinaria. Queremos recalcar o interesante de que este consello de administración dea paso a un novo antes de rematar a tempada. Cremos firmemente que a vindeira tempada se ten que comezar a preparar con tempo, para poder afrontala con garantías”.
“No eido social, co gallo do 50 aniversario agardabamos un labor máis ampla. Neste sentido consideramos interesante que se desvele se hai algún acto ou iniciativa programados. De non ser así, animamos ao actual consello a realizalos, incluso pedir axuda ao afeccionado, para conmemorar como se merece os 50 anos de historia dun club tan representativo do baloncesto nacional”.
“No tocante ao económico, consideramos clave saber que ocorreu finalmente con Ribeira Sacra, así como saber se os traballadores e xogadores do club están ao día nos cobros, pois recentemente houbo atrasos”.
Asemade engaden que “gustaríanos animar a que no tempo que lle resta a esta directiva continúen a labor de captación de novos patrocinadores e publicidade Poñémonos á enteira disposición do actual consello de administración e do breoganismo para tratar de axudar en todo aquilo no que consideren oportuno”.
Finalmente, “de cara aos nosos asociados, queremos incidir en qué non abordamos directamente ningunha cuestión deportiva, pois cada un de nós (coma o resto da afección)ten unha opinión diferenciada, e coidamos que é o propio consello e traballadores do club os que deberán valorar a nivel interno esta xestión”.
O comunicado remata pedindo “un novo esforzo aos afeccionados breoganistas, xa que o noso alento e a nosa unión son clave para afrontar os próximos meses”.