Campos preocupado “por manter os servizos” se as deputacións desaparecen

O acordo de goberno do PSOE e Ciudadanos salpica a actualidade provincial. No documento asinado entre Pedro Sánchez e Albert Rivera prevese a supresión das deputacións, aínda que na práctica serían substituídas por consellos provinciais de alcaldes nos municipios de menos de 20.000 habitantes. Unha medida que para o presidente, Darío Campos, só sería problemática no caso de que afectase directamente aos cidadáns. “Non sei se as deputacións son necesarias ou non, o que si son necesarios son os servizos que prestan aos veciños, e na nosa provincia sobre todo no rural”. Campos puxo como exemplo a xestión dos 4.200 quilómetros de estradas que existen na provincia e que son de titularidade da deputación. “Alguén ten que asumir esas competencias”, asegurou. O presidente provincial recoñeceu non ter claro se as deputacións teñen que “desaparecer ou cambiarlles o nome”, pero o que ten seguro é que hai que “redefinir as súas competencias, transformalas e modernizalas para seguir apostando polos servizos na nosa provincia”. Campos Conde cre que “sen a Deputación os nosos concellos pasarían un mal momento” e lembra a situación concreta da provincia lucense, onde “todos os municipios teñen menos de 20.000 habitantes agás a capital”. A denominación non é o problema. “Que se chamen deputacións ou consellos de alcaldes é o de menos, o caso é manter os servizos”, explica, e negou ter “apego ao sillón”. “Se as deputacións teñen que desaparecer eu non me asustaría”, rematou.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com