O PP pide á alcaldesa que se someta a unha cuestión de confianza

O portavoz do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, pediu esta mañá en rolda de prensa á alcaldesa que se someta a unha cuestión de confianza. “Tendo en conta que a socialista é absolutamente incapaz de sacar adiante ata os seus orzamentos, o artigo 197 bis da Lei Orgánica do Réxime Electoral Xeneral contempla esta fórmula para desbloquear esta situación”, expuxo o portavoz, para quen “non existe a máis mínima escusa para que a día 1 de marzo as contas municipais estean nunha situación tan precaria”.

Asemade, Jaime Castiñeira sinalou que “os lucenses estamos a sufrir as consecuencias dunha alcaldesa que non quería selo e que, día a día, condénanos ao bloqueo e á parálise”. “Non hai maior bloqueo que o que provoca que os orzamentos non estean aprobados nin teñan visos de estalo”, insistiu o popular, para quen “non hai escusa para que despois de case nove meses á fronte do Concello, aínda non se deu conta da súa soidade e da súa debilidade”.

“De aquí a un pouco metémonos en Semana Santa e como non teñamos os orzamentos aprobados antes de finais de marzo ata maio non se poderán aplicar”, incidiu Castiñeira. Por outra banda, Jaime Castiñeira referiuse á ameaza de novos cortes por falta de pagamento de 764 facturas de luz, o que cualificou de “bochornoso”, posto que “non se trata dun déficit económico senón dun déficit de xestión e de goberno”. “Estamos a falar dunha cuestión da que viñemos advertindo tanto nos últimos anos de López Orozco como nestes meses da alcaldesa sen que nin un goberno nin outro se preocuparon por darlle unha solución”, reiterou o portavoz popular.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com