Ampliar a formación dos bombeiros de Lugo en rescates en altura, ese é o obxectivo do Concello que fixo unha achega económica de 7.200 euros para levar a cabo un curso de formación que se impartiu este martes no Parque de Bombeiros de Lugo, e no que participaron unha trintena de efectivos do parque en tres quendas diferentes.
A Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, visitou ao longo da mañá aos primeiros 10 participantes que realizaron este curso intensivo, que arrancou ás 10:00 horas e se prolongou ata as 18:00 horas. As seguintes quendas terán lugar a semana do 15 e a do 28 deste mes de marzo.
“O coñecemento das técnicas e manobras precisas para o rescate en altura son fundamentais para a protección tanto das vidas dos accidentados como dos propios bombeiros”, explicou a rexedora, quen fixo fincapé na importancia que ten para o Concello a formación dos bombeiros que prestan o seu servizo no municipio. “Máis formación para eles significa máis seguridade para todos”, aseverou Méndez.
A formación é impartida por monitores especializados da Asociación Sociocultural deBombeiros de Galicia, que explicarán aos bombeiros a lexislación vixente de rescate en altura, ademais do material a utilizar nestas saídas e na súa aplicación, as técnicas de base, e as manobras de ascenso, descenso e aseguramento, aspectos nos que se baseará a parte práctica deste curso. Durante a xornada empregarán a torre de prácticas, acondicionada recentemente polo Concello, logo de levar sen mantemento 20 anos, así como arneses, cascos ou cordas homologadas. Ao rematar o cursos, os bombeiros recibirán un certificado.