O Grupo Provincial do Partido Popular ven de comunicar “que só apoiará os Orzamentos se se respectan as súas peticións que responden ás principais demandas dos concellos”. A voceira dos populares, Elena Candia, considera que a “nosa predisposición sempre foi razoable e as nosas peticións moi previsibles, pensando no mellor para a provincia”.
Os populares lembran que entre as súas condicións para apoiar os Orzamentos da Deputación atópanse a elaboración dun Plan de Obras e Servizos que triplique os fondos do actual, “similar ao do resto das deputacións e para todos os concellos”, así como a blindaxe dos servizos sociais, incrementando a achega económica para o SAF (axuda no fogar) de acordo co Decreto de Servizos Sociais.
O Grupo Provincial do PP pide tamén “un uso racional dos recursos”, enumera Candia, e que se actúe nas infraestruturas de máis necesidade da provincia, ademais de respectarse o principio de autonomía local nos plans de emprego e o cumprimento dos acordos tomados en pleno e nas xuntanzas de Suplusa.
Polo tanto, a voceira dos populares lembra que dende novembro “saben que as nosas peticións son previsibles e razoables” polo que “o único que está a paralizar a institución provincial son as súas liortas internas e a súa falta de compromiso coa provincia”.
Elena Candia reitera que os Concellos e os veciños “necesitan uns Orzamentos que non foron aprobados pola falta de predisposición do bipartito, que só pensa no beneficio do partido e non no da provincia; mentres nós estamos preparados para asumir as responsabilidades de Goberno ante a incapacidade de socialistas e nacionalistas”, conclúe.