Contacontos, narracións e cursos de iniciación á informática este mes na biblioteca Nodal

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa diversas actividades que se celebran na Biblioteca Nodal de Lugo ao longo do mes de marzo. Entre elas destaca o “bebecontos” Glub!, ao que poderán asistir este venres ás 18,00 horas 20 nenos e nenas de entre 0 e 3 anos. Este contacontos, que terá lugar na ludoteca do centro, invita aos máis pequenos a gozar, xogar, imaxinar, agarimar e falar na compaña dos seus pais.

Outra das actividades que se levarán a cabo este mes no centro é a narración. A princesa Sabela, para escolares de entre 4 e 12 anos e que relata a historia dunha rapaza que non quere ser princesa nin gozar dos privilexios da súa condición. Será o venres 11 de marzo ás 18,00 h na ludoteca e haberá aforo para 20 participantes.

E a última das narracións programadas para marzo vén en forma de representación teatral. Trátase da obra El Kamishibai de Juste e está orientada a rapaces e rapazas de entre 4 e 12 anos. Na lingua xaponesa kamishibai significa “teatro de papel” e é unha maneira de contar historias cheas de sentimento a partir de personaxes debuxados en papel, que ten a súa orixe nos templos budistas de Xapón. Este conto trasladará aos participantes a unha viaxe a través de lendas e mitos de distintos lugares do planeta. Terá lugar o venres 18 na sala multiusos e o aforo permitirá a asistencia de 35 nenos.

A Biblioteca Nodal programa tamén un curso de iniciación á informática que se celebrará os vindeiros días 10, 15 e 17 de marzo ás seis da tarde na sala multiusos. Conta con prazas para dez usuarios e é preciso apuntarse para poder participar.

Por outra banda, o centro tamén levará a cabo varias mostras bibliográficas. No vestíbulo exhibirase Escritoras de premio, e na sala préstamo Escapadas de primavera. Tamén a sala infantil acollerá as mostras Mitos gregos e Os clásicos de sempre.

Ademais, realizaranse visitas guiadas para coñecer a biblioteca e os seus servizos os martes e xoves para ao público en xeral, e para escolares serán cada martes. E os mércores ofertarase formación de usuarios para aprender a usar mellor os recursos da biblioteca. Para apuntarse a estas actividades e preciso chamar por teléfono ou inscribirse no propio centro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com