O presidente do Comité Organizador do XVII Congreso Provincial, Jose Manuel Balseiro, confirmou esta mañá que a nova vicesecretaria xeral e responsable de Estudos e Programas do Partido Popular nacional asistirá en Lugo ao conclave que este domingo celebrarán os populares lucenses na Facultade de Veterinaria.
Andrea Levy é unha das figuras emerxentes do novo equipo de dirección en Génova e un dos seus rostros habituais nos medios de comunicación. Avogada de 31 anos, desde xuño de 2015 é a máxima responsable da vicesecretaría encargada do reforzamento ideolóxico do Partido Popular.
Comunicados
Por outra banda, desde o Comité Organizador tamén explicaron que no transcurso da sesión plenaria do Congreso Provincial, se procederá á presentación de dous comunicados: un relativo á importancia que o sector primario ten na provincia de Lugo e outro, en relación coa prioridade que os populares lucenses queren dar á política social e de benestar.
Os relatores do comunicado sobre o sector primario son Isabel García Pacín, Antonio Basanta e Manuel López. No caso do comunicado de política social os encargados da súa redacción foron Diana Durán, Mari Teijeiro e Toño Gallego.