A concelleira do BNG, Maite Ferreiro, solicitou, como xa o fixera hiai uns días ACE, que se convoque xa, a primeira xuntanza da comisión de festas San Froilán – 2016.
A edil lembrou que “así se falou nas xuntanzas da comisión de festas do ano pasado e a edil de cultura debe cumprir con este compromiso”. Ferreiro explicou que “o ano pasado todos os grupos coincidimos na necesidade de tratar e analizar con tempo as propostas para facer do San Froilán unhas festas participativas e atractivas”.
Ferreiro lembrou que “o ano pasado a comisión de festas foi un órgano estéril xa que soamente serviu para dar conta de decisións xa tomadas e os grupos da corporación apenas tivemos tempo para presentar propostas”.
A edil do BNG – Asembleas Abertas dixo que “é importante que se abran canles de participación para que os lucenses sintan estas festas como propias e se sintan participes da súa organización”. Tanto a elección das principais actuacións como o propio modelo das festas debe abrirse ao debate para “actualizalas, promocionalas e facer que o San Froilán siga a ser a gran festa do outono galego” dixo Maite Ferreiro.