A Feira do Viño de Chantada contará cun Plan Especial de Seguridade

O subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo, e o alcalde de Chantada, Manuel Lorenzo Varela, copresidiron esta mañá unha reunión ordinaria da xunta local de seguridade na que, ademais de facer unha análise global da situación delincuencial no municipio, detallouse o plan de seguridade deseñado polo Concello de cara á celebración da trixésimo cuarta edición da Feira do Viño, que se desenvolverá os vindeiros días 11, 12 e 13 de marzo.

Tal e como se acordou no encontro desta mañá, os efectivos da Policía Local intensificarán os traballos de vixianza para evitar incidentes no transcurso deste cita festiva. A Garda Civil comprometeuse a traballar conxuntamente cos efectivos municipais para reforzar o dispositivo de seguridade. Os axentes manterán patrullas coordinadas para favorecer a circulación fluida do tráfico e evitar problemas nas estradas, así como para previr a comisión de posibles feitos delictivos, ante a congregación de xente que se agarda na Feira do Viño. O traballo conxunto e coordinado dos corpos policiais permitirá facilitar unha atención máis áxil e eficaz tanto aos veciños como aos visitantes que se acheguen a Chantada durante a celebración.

EVOLUCIÓN DA DELINCUENCIA

 Os membros da xunta de seguridade fixeron tamén hoxe unha análise global da situación delincuencial en Chantada no conxunto do ano 2015. Así, a tasa de criminalidade do municipio sitúase nas 15,19 infraccións penais por cada mil habitantes, máis de seis puntos por debaixo da media da provincia e ata 28,5 puntos por debaixo da media nacional.

Dos datos oficiais expostos no encontro, despréndese tamén que a delincuencia rexistrou un lixeiro descenso no municipio con respecto ao ano anterior, situándose os delitos contra o patrimonio como os máis denunciados.

Os membros da xunta de seguridade recoñeceron o elevado índice de eficacia acadado na resolución e esclarecemento dos delitos rexistrados no concello chantadino. No conxunto de 2015, a Garda Civil detivo a 10 persoas en Chantada e imputaron a outras 14 pola súa presunta implicación en feitos constitutivos de delito.

CHARLAS A ESCOLARES

O subdelegado do Goberno informou tamén, noutra orde de cousas, do traballo realizado no municipio ao amparo do Plan director para a convivencia e a mellora da seguridade escolar nos centros educativos e as súas contornas, deseñado pola Secretaría de Estado de Seguridade co obxectivo principal de reforzar a educación, a prevención e a vixilancia nos centros escolares. E isto conséguese poñendo a disposición dos centros a asistencia técnica que precisen para axudar a previr e abordar os episodios graves que poidan ameazar a convivencia escolar, así como axudando a mellorar o coñecemento de alumnado, pais e profesores sobre os problemas de seguridade que afectan aos menores.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com