Coa publicación no DOG do luns 29 de febreiro do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello a voceira municipal socialista, Pilar García Porto, animou aos veciños de Antas de Ulla a “examinalo nas dependencias municipais para formular as alegacións que se consideren oportunas ou obter copias”. O Plan .estará a exposición pública durante dous meses.
García Porto destacou que “tamén lle solicitaremos ao Alcalde que amplíe as posibilidades de consulta, creando un enlace na web do Concello para consultar todos os documentos que conforman o PXOM. A maiores, pediremos que se facilite un modelo tipo de presentación de alegacións ademais da presenza do equipo técnico nas dependencias municipais en horario preestablecido para facilitar o acceso e comprensión da documentación á veciñanza”.
Plan Xeral de Ordenación Municipal
O PXOM é o documento que regulará o desenvolvemento urbanístico e con esa finalidade clasifica, de conformidade coa lei, o solo do municipio en: urbano, urbanizable, de núcleo rural e rústico; deseña os núcleos e as súas áreas de crecemento; cataloga e define a totalidade dos núcleos rurais do municipio así como as zonas de expansión; e define o solo rústico e as súas diversas categorías.
O PXOM tamén establece a rede viaria e os sistemas de infraestruturas e equipamentos públicos necesarios para o desenvolvemento económico (parque empresarial) e o benestar social do municipio (espazos libres e zonas verdes, instalacións escolares e deportivas, equipamentos de servizos sociais, instalacións sanitarias e culturais, redes de abastecemento e depuración de augas, redes de distribución de enerxía eléctrica, etc.).