Tal e como todo presaxiaba, a Alcaldesa de Mondoñedo, Elena Candia, converteuse na nova presidenta do Partido Popular de Lugo; ademais por primeira vez unha muller acada este cargo.
Os resultados foron contundentes: 512 votos para a candidatura de Candia, por 217 sufraxios para a de Arias. De novo José Manuel Barreiro, volve ganarlle a partida a Núñez Feijoo.
Con estes resultados todo vai seguir igual no Partido Popular de Galicia, logo da incontestable vitoria, onte, de Xosé Manuel Baltar en Ourense, que renovou o cargo co apoio do 95% dos compromisarios.
Así as cousas, os partidarios do Presidente da Xunta non foron quen de acadar máis apoios para a súa candidata en Lugo, en Ourense xa nin o intentaron, e os equlibrios no PPdG quedarán como ata agora.
Terá pois que conformarse Núñez Feijoo con seguir contando co apoio das provincias de A Coruña e Pontevedra, tal e como todo indica, da man de dous homes da súa máxima confianza, Diego Calvo, que salvo sorpresa será o novo presidente do PP da Coruña, logo da renuncia de Negreira; e en Pontevedra tamén o Vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, ten todas as papeletas para facerse coa presidencia do partido nesa provincia, logo de que Louzán comunicara que non se ía presentar.
Estas eleccións deixan un gran labor a acometer de inmediato polo novo equipo de Elena Candia: facer posible a integración, canto antes dos militantes, que apoiaron a candidatura de Arias.
Isto, sen dúbida, será de capital importancia de cara a conseguir uns bos resultados nas vindeiras eleccións ao Parlamento de Galicia, na provincia.