A sociedade recreativa La Unión de Sarria acollerá o sábado 12 unha mesa redonda sobre a guerra de Siria e a crise dos refuxiados, coa participación da politóloga siria afincada en Galicia Nour-Al Hussen, o xornalistas Cristian López Iglesias e o fotógrafo Felipe Carnotto, testemuñas directas da chegada de refuxiados á illa grega de Lesbos e o corredor dos Balcáns. O acto terá lugar a partir das sete e media da tarde, moderado polo guionista e escritor Manuel Darriba.
Nour-Al Hussen Villa, politóloga e ensaísta, é nativa da cidade siria de Raqqa, actualmente ocupada polo Estado Islámico. Viviu alí ata os 13 anos e posteriormente trasladouse a Santiago de Compostela. Na actualidade compaxina os seus estudios nun máster de Relacións Internacionais coa escritura do blog “A la otra orilla del Éufrates”, onde comenta o conflito sirio e relata recordos do seu país de antes da guerra. Imparte numerosas conferencias sobre o tema e é locutora de radio en Campus Culturae, a emisora da Universidade de Santiago.
O xornalista Cristian López Iglesias, nacido en Vigo, traballou para o “Ideal Gallego” e colaborou en medios como “Interviú”, “El País”, “Praza Pública” ou eldiario.es. É premio de xornalismo Johán Carballeira e premio de xornalismo literario da revista “Luzes” .
O fotógrafo Felipe Carnotto, nacido en Brasil e afincado en Vigo, ten publicado as súas imaxes en medios nacionais como “Interviú” e “El País” e internacionais como “The Guardian” e “Der Spiegel”. Recibiu unha mención de honra nos premios IPA Awards. Xunto con López Iglesias, documentou hai uns meses a chegada masiva de refuxiados sirios á illa grega de Lesbos.
Como complemento desta actividade, o cine club Leslie Nielsen-La Unión programará o domingo 13 o filme “Eau argentée” (Auga prateada), que ten como tema a guerra de Siria . A película proxectarase ás oito da noite.