A Deputada Europea co gallo do Día da Muller Traballadora, emitiu un comunicado no que entre outras consideracións di: “como cada 8 de marzo -e cada 25 de novembro-, as institucións públicas aproveitan esta data para despregar todo un alarde discursivo en aras da igualdade de homes e mulleres que, desgraciadamente, para pouco máis serve que para significar un indignante contraste ca leve proactividade que amosan durante todo o ano para avanzar na igualdade que tanto se xactan en defender nestes días sinalados”.
E continúa “o Parlamento Europeo non ía ser menos. Ao fío da conmemoración do Día Internacional das Mulleres onte debateuse -a última hora da noite, iso si, e co hemiciclo case baleiro- un Relatorio sobre a integración da perspectiva de xénero nas actividades do Parlamento Europeo. Esta mañá a Comisión Europea interveu na Eurocámara durante a sesión plenaria en Estrasburgo para dar conta da situación socioeconómica das mulleres en Europa1 e, a continuación, e malia que a UE ten forzas militares da OTAN no Mediterráneo e vén de asinar un acordo con Turkia para que impida que poboación que fuxe das guerras alcance territorio comunitario, procederon sen complexos ao debate dun informe sobre a situación das mulleres refuxiadas e solicitantes de asilo na UE”.
A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa, Lídia Senra, foi tamén contundente hoxe dende Estrasburgo: “A grave situación de desigualdade imposta sobre as mulleres non se reverte limitándonos a facer debates o 8 de marzo e o 25 de novembro”, criticou. Asemade subliñou, “Que as políticas de igualdade que se están a desenvolver non son abondo é obvio: seguimos sen ter paridade na inmensa maioría das institucións, organizacións sociais, partidos políticos, sindicatos, etc.; seguimos percibindo salarios inferiores aos homes, seguen poñéndonos trabas para alcanzar postos de decisión, seguimos constatando as dificultades das labregas para acceder á titulariedade compartida…”. E continuou, “mentres nas institucións, organizacións, partidos, sindicatos… non haxa presenza en pé de igualdade das mulleres nos órganos de decisión “é moi dificil que se avance”, reiterou a eurodeputada de AGEe, “porque xa estamos vendo que é difícil que os homes responsábeis das organizacións incorporen a perspectiva de defender os dereitos das mulleres nas mesas de negociación”.
“É fundamental que a Comisión Europea esixa aos Estados membros que fagan unha fonda e exhaustiva avaliación de cales son os motivos políticos polos que, malia ao desenvolvemento de políticas de igualdade e de loita contra a violencia machista, a discriminación das mulleres na UE sexa sendo sangrante e homes machistas segan asasinando mulleres practicamente tódolos días”afirmou.