O Partido Popular de Lugo prepara un calendario de reunións co tecido asociativo e os sindicatos para coñecer as súas demandas e poder axudar e articular solucións. Esta medida forma parte do proxecto que guiará o partido nos vindeiros anos e que o PP pon en marcha “desde o primeiro día”. Así, a presidenta acordou, xunto co seu equipo, a creación da Vicesecretaría de Mediación Social, que ocupará o concelleiro Enrique Rozas, encargada de manter reunións periódicas con organizacións e movementos sociais “co obxectivo de non perderlle o pulso á sociedade”.
O vicesecretario de Mediación Social funcionará como un enlace entre o partido, o tecido asociativo e os sindicatos de cara a ter un contacto directo coa súa problemática e as súas necesidades. “Queremos recompilar a información de primeira man e poder ser de axuda nas súas demandas e inquedanzas”, explica a presidenta do PP de Lugo.
Elena Candia considera imprescindible manter de xeito periódico, e non só antes das eleccións, xuntanzas con sindicatos, colexios profesionais e organizacións cívicas, co obxecto de consensuar posturas e tomar o pulso constante á sociedade.
Os populares consideran que ser a forza política con maior apoio no conxunto da provincia, implica tamén unha maior responsabilidade, así como a de esixirse a necesidade de diálogo permanente e de construción de consensos.