O Gabinete Municipal de Accesibilidade mantivo hoxe unha xuntanza na que adoptaron distintos acordos, coa finalidade de seguir avanzando nun Lugo máis accesible, tal e como deu a coñecer o Concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Persoal, Daniel Piñeiro.
Piñeiro deu conta que o Concello instalará en breve, posiblemente entre finais do mes de marzo e nos primeiros días de abril, os primeiros colectores adaptados a persoas con mobilidade reducida en diferentes puntos de Lugo. En total, colocaranse cinco colectores, con sistema de palanca, que serán distribuídos en función das necesidades existentes que lle trasladará á entidade local a asociación AUXILIA.
Outro dos acordos adoptados no Gabinete de Accesibilidade foi o de non empregar pouco axeitado nas obras que se realicen nas rúas da cidade, de tal xeito que se utilicen outros materiais que favorezan a accesibilidade, co que se facilitará o tránsito dos peóns e daquelas persoas que teñen dificultades de mobilidade.
Outras actuacións realizadas
O Concello ten aprobada a Ordenanza Municipal de Supresión de Barreiras Arquitectónicas e coa que se puxo en marcha un Gabinete Municipal de Accesibilidade, que nos últimos anos permitiu actuar con eficacia para eliminar as barreiras arquitectónicas e adaptar a cidade a todos aquelas persoas que viven ou visitan o municipio, iniciativas que permitiron que Lugo acadara os premios Reina Sofía de Accesibilidade Universal ou ao mellor destino turístico accesible.
O Concello dispón dun servizo de intérprete de lingua de signos, un buzón de consultas para persoas xordas a través da páxina web municipal www.lugo.gal. Tamén se editan os programas das festas do San Froilán e do Arde Lucus en braille.
Recentemente tamén se levou a cabo a sinalización prazas de aparcamento para persoas con mobilidade reducida, así como obras de accesibilidade nas rúas da cidade.
Ademais o 30 de novembro de 2015, coincidindo co XV Aniversario da Muralla de Lugo como Ben Mundial, púxose en marcha o ascensor da Muralla, que facilita a accesibilidade a este monumento bimilenario.